Un total de 26 mozos participan no Maratón Empresarial Universitario organizado polo Concello e a USC

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Consiste nun xogo no que estudantes universitarios loitarán por ter beneficios coas súas empresas virtuais

O Alcalde de Lugo –José López Orozco-, a Concelleira de Promoción Económica –Eva Real- e o Vicerreitor de Investigación do Campus de Lugo –Agustín Merino- visitaron o I Maratón Empresarial Universitario que está a celebrar o Concello de Lugo coa Universidade de Santiago de Compostela no Centro municipal de Empresas e Innovación (CEI).

Un total de 26 mozos divididos en 8 equipos inscribíronse nesta proba-xogo, que consiste nunha simulación empresarial para adestrarse na toma de decisións. É a primeira vez que se realiza este xogo en Galicia e está destinado principalmente aos estudantes de último ano de carreira.

Ocupación total do CEI
O Alcalde explicou que, no que vai de ano, o Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo prestou asesoramento en materia de creación de empresas a preto de 88 persoas que presentaron a seu proxecto neste centro. Axudou a crear 23 empresas, considerándose 4 delas como Iniciativas Locais de Emprego e 3 constituíronse como Sociedade Limitada Nova Empresa.

Dentro das actividades de difusión da cultura emprendedora desenvolvidas este polo CEI, contouse coa participación de 780 persoas. López Orozco subraiou que “a día de hoxe a ocupación dos locais postos á disposición das empresas no CEI é do 100%, quedando soamente libre un laboratorio na parte do NODUS”. O CETI acolle, polo tanto, unha vintena de empresas.

O maratón empresarial
Este evento ten lugar en horario de mañá e tarde (de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 20:00). A simulación serve para poñer a proba a súas capacidades de xestión na dirección de grandes firmas. Esta iniciativa será un primeiro paso para, o ano próximo, poder participar no maratón nacional que se celebra todos os anos con estudantes de distintas autonomías. O Alcalde explicou que “o gañador terá como premio unha estadía de 2 anos gratis no CEI”, un suculento agasallo para os emprendedores que participan.

Co fin de facilitar este proceso, se lles proporcionou un manual de xogo, un programa de axudas que poden descargar da web, unha liña de consulta telefónica e un foro en Internet para poder resolver dúbidas e plantexar cuestións.

Cada un dos equipos participantes asume a dirección dunha empresa que compite contra todas as demais. Os participantes deberán elaborar plans mensuais de xestión, a partir da toma de decisións estratéxicas e operativas nas áreas principais da empresa (marketing, comercial, RR.HH., finanzas, produción e loxística). Cada decisión simula un mes na vida da compañía.

Os resultados de cada empresa non dependen unicamente das súas propias decisións, senón das decisións das competidoras. Por isto, é necesario adaptar continuamente a propia estratexia, en función das expectativas, sobre cales poidan ser as estratexias doutras empresas competidoras.

Para facilitar o proceso de toma de decisións, o simulador ofrece un potente software de alumno que permite calcular con moita rapidez diferentes alternativas, antes de adoptar a decisión definitiva (fixación de prezos, carga de máquinas en producción, necesidades de materiais, planes de tesorería, etc.).

O día 4 publicarase a clasificación dos equipos por resultados. Proclamarase gañador o equipo que obteña os maiores beneficios.

O simulador que se empregará no Maratón Empresarial reproduce a situación dun mercado e das empresas que operan nel, e conta cunha serie de características que aportan un gran realismo ao xogo:
• Influencia de variables do contorno económico, que condicionan a evolución da demanda.
• Posibilidade de vender en distintos mercados: Unión Europea e EE.UU.
• As empresas poderán lanzar novos produtos ou eliminar os existentes.
• Acceso a sistemas de información, como estudos de mercado e informes do sector.
• Xestión das variables loxísticas e de aprovisionamento: transporte, almacéns, prezo da materia prima…
• Oportunidade de investir en bolsa.
• Política financeira: duas moedas (euro/dólar), distintas opcións de financiamento (desconto, préstamo, leasing,…) investimentos financeiros, etc

Noticias relacionadas