Un total de 150 desempregados participan nunha nova edición do programa Lugo, Emprego Activo

Luns, 02 de agosto de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa en funcións, Sonia Méndez, e o Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, visitaron hoxe, no Parque Rosalía de Castro, ós participantes nun curso de Técnico en recuperación de espazos degradados.

Este é un dos dez cursos que se están a impartir na segunda fase do programa Lugo, Emprego Activo que ten por obxectivo a formación de persoas desempregadas en profesións con futuro.

A Alcaldesa en funcións e Concelleira de Economía e Emprego salientou que co programa Lugo, Emprego Activo “o Goberno local cumple o seu compromiso de axudar a atopar traballo ás persoas que se atopan en situación de desemprego aínda que o Concello non ten competencias nas políticas activas de emprego”.

Sonia Méndez comparou o labor do Concello neste terreo co da Xunta de Galicia, que é a administración que ten as competencias. “A Xunta do PP, por desgracia, non exerce as súas competencias”, dixo Méndez e explicou que “o que fixo a Xunta desque chegou Feijóo foi reducir a cuantía económica dos programas de inserción laboral, que financia a Xunta e executan os Concellos, coa conseguinte reducción nas contratacións, e ademáis estes fondos repartíronse ós concellos de xeito partidista perxudicando gravemente ós concellos gobernados polo Partido Socialista”. Pola contra, o Concello “incrementa o seu orzamento para políticas activas de emprego con programas que dan ocupación a persoas desempregadas, por eso temos Lugo Emprego Activo con 300 persoas e por eso o Concello acaba de contratar a través do programa Piles, con presuposto únicamente municipal a 30 persoas”. “Esta é a política dun goberno local socialista fronte a política do PP de destrucción de emprego e abandono das súas funcións”, indicou a Alcaldesa en funcións.

2,3 millóns de euros para inserción laboral

Lugo Emprego Activo conta cun orzamento de 2,3 millóns de euros, dos que o 80% procede a UE e o resto achegao o Concello. Este proxecto ten como obxectivo fundamental a inserción laboral daquelas persoas que se atopan en condicións de especial dificultade para acceder a un emprego. Diríxese a aqueles colectivos que contan con maiores dificultades como poden ser as minorías étnicas ou as persoas con discapacidade, entre outras.

Nunha primeira fase recibiron formación 150 parados que agora están en itinerarios personalizados para agopar traballo coa axuda de orientadores laborais. Outras 150 persoas asisten agora a outros dez cursos que se desenvolverán ata xuño do ano que vén:

- Coidador de persoas discapacitadas físicas e psíquicas

- Atención especializada para persoas enfermas de alzheimer

- Axentes de desenvolvemento da comunidade discapacitada

- Técnico en transporte sanitario

- Monitor de educación ambiental

- Técnico de sistemas de enerxías renovables

- Mantemento de aire acondicionado e fluídos

- Operador de estacións depuradores de augas residuais

- Operario de redes e centros de distribución de enerxía eléctrica

- Técnico en recuperación de espazos degradados

Os participantes no proxecto contan cunha beca para desenvolver a súa oferta formativa e entran a formar parte dun itinerario integral e personalizado de inserción sociolaboral no que desenvolverán:

1. Formación teórico práctica: encamiñada a desenvolver as capacidade e acadar un nivel axeitado de coñecementos para a inserción no mercado laboral.

2. Prácticas en empresas: As persoas participantes poderán poñer en práctica os coñecementos acadados para unha maior adaptación ás demandas das empresas.

3. Titorización e seguimento personalizado: Durante todo o proceso os beneficiarios disporán dunha orientación personalizada e dun seguimento continuado por parte do equipo técnico do proxecto .

Multimedia

Noticias relacionadas