Un grupo de seniors da Escola de Enxeñeiros Técnicos de Lugo visitan o ciclo da auga

Martes, 13 de decembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, recibiron a visita dun grupo de seniors da Escola Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Lugo, que tiñan un grande interese en coñecer o funcionamento do ciclo da auga.

López Orozco explicoulles que se trata “dunha planta de última xeración cunhas instalacións modélicas na potabilización da auga para o consumo humano.” De feito, a nova potabilizadora de auga de Lugo está considerada a mellor do Noroeste peninsular e xa ten recibido visitas de responsables de outras administracións locais do Principado de Asturias.

A nova ETAP entrou en servizo no mes de setembro e supuxo un investimento de case 30 millóns de euros, financiado con fondos do Concello, do Ministerio de Medio Ambiente e da Unión Europea. Ten capacidade para tratar 650 litros de auga por segundo, o dobre do consumo medio diario actual da cidade que é de 300-350 litros.

Ademais, coa entrada en servizo da nova Estación de Tratamento de Auga Potable está garantido o subministro de auga para o municipio nunhas condicións de salubridade que responden ás esixencias actuais e ás que puideran presentarse no futuro.

Logo da entrada en servizo da ETAP, o ciclo de tratamento da auga de Lugo tivo outro fito coa posta en funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais o pasado mes de marzo que permite devolver a auga ó río nas mellores condicións.

A EDAR supuxo un investimento de 44,5 millóns de euros, financiado nun 85% polo Ministerio de Medio Ambiente en un 15% pola Xunta. A nova Depuradora dispón da tecnoloxía máis avanzada para depurar a auga residual dunha poboación urbana de 120.000 habitantes e unha poboación industrial de 80.000 habitantes equivalentes. Logo dunha serie de tratamentos e procesos, a auga volve ó río Miño con todas as garantías de non alterar o ecosistema, mellorando as condicións de vida no medio acuático do río.

Multimedia

Noticias relacionadas