Un congreso internacional abordará en Lugo a problemática dos emigrantes e refuxiados en Europa

Miguel Fernández participou na presentación deste foro, organizado pola UNED en colaboración coa USC, que se desenvolverá do 26 ao 28 de outubro no campus lugúes

Martes, 13 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Un congreso internacional abordará en Lugo a problemática dos emigrantes e refuxiados en Europa

A análise da situación actual dos emigrantes e refuxiados en Europa, o debate sobre a resposta política e socioeducativa que se está a dar para atender as singularidades que presentan estes colectivos vulnerables e a sensibilización sobre a necesidade de formación técnica para a atención de emigrantes e refuxiados, son tres dos obxectivos que pretenden os organizadores do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa, un foro organizado pola UNED en colaboración coa USC, ademais doutras entidades públicas e empresas privadas, que converterá do 26 ao 28 de outubro a Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC nun espazo aberto de aprendizaxe, reflexión e análise da situación das migracións no vello continente.

A profesora da USC María Dolores Fernández Tilve, que ocupa a presidencia do comité organizador deste congreso internacional xunto coa súa homóloga da UNED María del Pilar Quicios García, fixo este martes unha chamada á implicación da sociedade para dar resposta á problemática que están a vivir colectivos vulnerables, ao tempo que incidiu na necesidade de acadar unha formación específica axeitada para achegar solucións, no acto de presentación do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa. Nesta liña insistiu o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen chamou á concienciación e sensibilización da sociedade sobre o drama dos refuxiados, ao tempo que lembrou que o Concello ofreceu pisos de emerxencia e o albergue municipal para acoller refuxiados sirios. Fernández tamén quixo agradecer á USC o traballo para levar a cabo este congreso que aborda unha problemática tan actual.

No acto tamén participaron a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; o vicedecano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Fernández Suárez; e a deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto.

O I Congreso Internacional de Migración e Refuxio en Europa, un foro que tamén aspiraban acubillar outras universidades manchegas, de Sevilla ou Madrid, terá como sede o Campus Terra da USC grazas ao traballo dos organizadores e á implicación de todas as institucións colaboradores, sinalou Fernández Tilve antes de salientar a participación de diplomáticos, catedráticos e mesmo de refuxiados entre a nómina de relatores que intervirán nas distintas sesións programadas.

A catedrática de Traballo Social da Universidade de Castilla La Mancha, María José Aguilar, abrirá o 26 de outubro quenda de intervencións deste congreso, en cuxo programa tamén figuran como relatores Carlos Uriarte Sánchez, membro do Consello da Presidencia da Unión Paneuropea Internacional; o embaixador de Bosnia e Herzegovina en España, Darko Zelenika; a segunda secretaria de Asuntos Europeos da Embaixada de Hungría en España, Adrienn Nasz, e o refuxiado sirio e alumno da USC Mohamad Kamal Aldalati.

Juan Iglesias Martínez, da Cátedra de Refuxiados do Instituto Universitario de Estudos sobre Migracións da Universidade Pontificia de Comillas; Carlos Aparicio de Santiago, do Grupo de Acción Sindical (GAS) que está a traballar con refuxiados en Alemaña, e o director do Secretariado da Comisión Episcopal de Migracións de España, José Luis Pinilla, son outros dos relatores que tamén intervirán neste congreso.

Aberto á participación dun máximo de 250 persoas, o I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa, está orientado á participación de investigadores sociais, avogados, médicos, educadores sociais, traballadores sociais, psicólogos, pedagogos, mestres, voluntarios ou estudantes universitarios, entre outros, e demais persoas e profesionais interesados en formarse e prepararse tecnicamente para previr, xestionar e dar respostas eficientes aos efectos que depara este novo risco social.

Inscrición aberta

O prazo de inscrición para asistir a este congreso internacional sobre Migracións e Refuxio en Europa permanecerá aberto ata o 21 de outubro. As persoas interesadas poden formalizar a súa matrícula na propia páxina web do congreso, na que tamén poderán atopar cumprida información respecto da programación deste foro, así como respecto dos relatores e relatoras que intervirán nas distintas sesións. Fernández Tilve sinalou neste senso que os organizadores, en aras a fomentar a participación no congreso, habilitaron distintas modalidades de matrícula, entre as que se inclúen prazas gratuítas.

As persoas interesadas en presentar comunicacións a este foro poderán remitir as súas achegas ata o 24 de setembro ao enderezo de correo electrónico refugiados@cyberpractices.org, onde tamén poderán solicitar calquera tipo de dúbida ou información sobre o desenvolvemento deste congreso, cuxas comunicacións serán compiladas nunha publicación escrita, mentres que as cinco achegas mellor valoradas polo comité científico centrarán os contidos dunha publicación de impacto indexada, dixo Fernández Tilve.

Noticias relacionadas