Un concerto itinerante e unha visita guiada para celebrar o Día Internacional dos Museos

A función musical arrincará as 17:30 horas e finalizará a partir das 21:15 horas na Domus do Mitreo. Os museos terán horario especial de apertura

Os interesados en inscribirse na visita guiada poden anotarse na Oficina Municipal de Turismo, no teléfono 982-251-658 e en lugoturismo@concellodelugo.org

Venres, 13 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este venres as actividades que ten preparadas o Concello para conmemorar o Día Internacional dos Museos, que se celebrará o vindeiro mércores 18 de maio. Trátase dun concerto e unha visitada comentada para difundir os centros museográficos municipais.

Tal e como avanzou Basadre, “descubriremos a que soan os museos da man do grupo Ensemble Lugo Classic, que realizará unha visita tocando pezas de música antiga pola rede museística municipal”. Así, este concerto itinerante, arrincará ás 17:30 no MIHL e achegarse ao Centro Arqueolóxico de San Roque, ás 18:45, á Casa dos Mosaicos, ás 19:30 horas, á Sala de Exposicións Porta Miñá, ás 20:15 horas e ao Centro de interpretación da Muralla, ás 21:00 horas. Dende aquí, unha flautista conducirá aos participantes á Domus do Mitreo, ás 21:15 horas. A actividade complétase coa celebración dunha visita guiada dos museos, que parte ás 18:00 horas da Oficina Municipal de Turismo.

Estas actividades son gratuítas. Para inscribirse na visita hai que chamar á Oficina Municipal de Turismo ao teléfono 982-251-658 ou escribir un correo electrónico a lugoturismo@concellodelugo.org solicitando a inscrición na visita do Día Internacional dos Museos.

Horarios especiais

Nesta data sinalada, os museos municipais de Lugo terán un horario especial. O Museo Interactivo da Historia de Lugo abrirá de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas. O Centro de Interpretación da Muralla permanecerá aberto de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 22:00 horas e o Centro Arqueolóxico de San Roque, de 18:00 a 20:00 horas. Por outra banda, a Sala de Exposición Porta Miñá e a Casa dos Mosaicos abrirá as súa portas de 18:00 a 20:00 horas e a Domus do Mitreo, de 18:00 a 20:00 horas e de 21:30 a 22:30 horas.

Noticias relacionadas