Un ano máis o deporte lucense únese para promocionar as festas do San Froilán

Martes, 11 de setembro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os cinco clubs levarán material publicitario do San Froilán nos seus desprazamentos e ofrecerán entradas para que distintos colectivos sociais e culturais de Lugo poidan presenciar algúns dos seus encontros na casa

Cinco dos clubs deportivos máis representativos da cidade (Club Deportivo Lugo, Azkar Fútbol Sala, Club Baloncesto Breogán, Ensino e Club Voleibol Emevé) anunciarán as festas do San Froilán e montarán un stand promocional no fondo da Praza Maior durante as festas deste ano, segundo o convenio asinado esta mañá polo tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello, Antón Bao, cos presidentes dos clubs.

Acompañado polo presidente do LugestenderBouso; do Azkar, Manuel Vázquez Corredoira; do Breogán, Julio González; do Ensino, María Teresa Latas; e do Emevé, José F. Bouza, Antón Bao explicou que se trata de “lograr que o San Froilán sexa unha festa na que participe todo o movemento asociativo existente na cidade, entre eles tamén os clubs deportivos como unha parte importante desta cidade”, dixo.

A implicación dos clubs deportivos coas festas fará que os principais equipos de Lugo anunciarán o San Froilán nos seus desprazamentos polo resto do Estado. “Servirán así de embaixadores da nosa cidade e das súas festas”, afirmou Antón Bao, que explicou que a cambio estas entidades disporán dun stand promocional no fondo da Praza Maior durante as festas para achegar o deporte aos cidadáns.

O convenio asinado esta mañá inclúe ademais a cesión ao Concello por parte destes clubs dun paquete de entradas para que distintos colectivos e asociacións sociais e culturais de Lugo poidan presenciar varios dos partidos que estes equipos xoguen na casa esta tempada.

Unha colaboración que se podería estender á promoción turística

Tanto o tenente alcalde como os presidentes dos distintos clubs mostraron a súa disposición a que este acordo continúe pasadas as festas co obxectivo de promocionar a cidade no resto do Estado dende un punto de vista turístico e cultural.

Antón Bao indicou tamén que este convenio de colaboración é unha demostración máis da intención de que as festas do San Froilán sexan participativas e conten coa implicación de toda a sociedade lucense.

Multimedia

Noticias relacionadas