Últimos días para presentar ofertas para as obras de descontaminación dos solos do barrio do Carme, cofinanciadas con fondos FEDER

O orzamento de licitación desta iniciativa, enmarcada dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello, financiada ao 80% polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, é de 78.000 euros

Con estas tarefas, o Goberno cumpre unha das necesidades históricas do barrio: eliminar os verquidos non controlados, e deste xeito o impacto que estes teñen na contaminación medioambiental e tamén na estética urbana

Trátase dunha inversión que fará de Lugo unha cidade máis saudable e sostible, prioridades para o Goberno. Ademais, estas obras constitúen un exemplo claro de como os fondos FEDER poden mellorar a vida dos e das luguesas

Martes, 15 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Últimos días, ata o xoves, 17 de xaneiro, para presentar ofertas para as obras de descontaminación dos solos do barrio do Carme. Trátase dunha iniciativa incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) de Lugo, denominado Muramiñae, da Muralla ao Miño; cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Conta cun orzamento de licitación de 78.000 euros e un prazo de execución dun un mes, respectivamente.

Con estas tarefas, que son unhas das primeiras obras da estratexia DUSI en saír a licitación, unha vez que se concluíu a xestión da redacción dos proxectos; o Goberno cumpre unha das necesidades históricas do barrio: eliminar os verquidos non controlados, e deste xeito o impacto que estes teñen na contaminación medioambiental e tamén na estética urbana.

Para elo, contémplase a construción dun pozo de bombeo na rúa Vicedo, na súa parte baixa, que recollerá as augas de escorrentía da propia vía e as dos dous colectores existentes nesta zona que verten directamente ao Rego dos Hortos, para levalas á rede xeral de saneamento, a través do pozo de rexistro existente na rúa Santiago. Así, elimínanse dous verquidos incontrolados de efluentes contaminantes, ademais das augas escorrentías que danan a calzada da rúa Vicedo. A actuación levará consigo tamén o propio acondicionamento da rúa Vicedo, mediante a regularización da rasante, a colocación de pavimento, e a execución de cunetas nos laterais.

Trátase dunha inversión que fará de Lugo unha cidade máis saudable e sostible, prioridades para o Goberno. Ademais, estas obras constitúen un exemplo claro de como os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), poden mellorar a vida dos e das luguesas, neste caso revitalizando un barrio senlleiro, no corazón da cidade, O Carme.

Audio

Noticias relacionadas