Últimos días para presentar ofertas para a explotación da cafetería do Vello Cárcere, con vistas á Muralla

Poderá facerse ata o día 13 de febreiro. A licitación é por un período de 5 anos e un importe mínimo de canon a satisfacer á entidade local de 2.000 euros ao mes. O Concello asumirá os gastos dos consumos de electricidade e gas

Xoves, 07 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O vindeiro mércores, 13 de febreiro, remata o prazo para presentar ofertas para a explotación do servizo de cafetería-restaurante do Vello Cárcere, por un período de 5 anos, prorrogable anualmente ata dez, e un importe mínimo de canon a satisfacer ao Concello de 2.000 euros ao mes. O Concello asumirá os gastos dos consumos de electricidade e gas.

O servizo de cafetería poderá prestarse todos os días do ano, en horario de oito da mañá ás doce da noite ou respectando o horario autorizado para este tipo de actividade en cada momento pola lexislación se este fora menor. Admítese, previa solicitude e autorización do responsable do contrato, o peche puntual da cafetería en datas sinaladas sen redución do canon a aboar polo contratista. Así mesmo e para dar un mellor servizo á programación das actividades culturais que se realicen dentro do centro cultural a ampliación dese horario co fin de adaptarse a estas actividades, todo esto previa solicitude e autorización do responsable do contrato. Tamén poderá solicitarse a ampliación horaria sempre e cando o contratista conte cun servizo de vixilancia reglada que complete o servizo contratado polo Concello ou no caso de que se habiliten polo Concello outras alternativas de entrada que garantan a seguridade do edificio e sempre con autorización previa municipal.

O adxudicatario manterá os locais, instalacións, equipos e mobiliario en bo estado de conservación e limpeza. Toda a mercadoría deberá estar dentro do espazo interior da barra e da cociña ou no almacén que o Concello habilitará para o seu uso polo contratista, non podendo ocupar os espazos de uso público con caixas ou embalaxes, que perxudiquen a imaxe da cafetería. En relación co dito almacén, o Concello acondicionará un espazo na planta baixa do Vello Cárcere, concretamente no módulo de mulleres con acceso directo dende o pasillo exterior que tamén comunica coa escaleira e ascensor que leva á cafetería. Este almacén terá unha superficie aproximada de 8,50 m2 e un pequeno vestiario de 2,50 m2 aprox.

Deberá ofertar menús variados, así como un menú do día, que incluirá primeiro e segundo prato, sobremesa e bebida a elixir. Así mesmo, deberá incluír na carta produtos que conten coa cualificación de Comercio Xusto, un menú elaborado con alimentos procedentes da Agricultura Ecolóxica e un menú completo adaptado para persoas celíacas. As comidas serán elaboradas preferentemente pola adxudicataria na propia cociña do centro

A cafetería está equipada con 16 mesas e 32 cadeiras no espazo xeral das instalacións, 8 cadeiras altas na barra, 4 mesas e 8 cadeiras altas na zona da fiestra fronte á barra, e 8 mesas e 24 cadeiras na terraza. Será por conta da empresa adxudicataria a instalación de toda a maquinaria, ferramenta e aparellos necesarios para o desenvolvemento da actividades.

Noticias relacionadas