Últimos días para participar no VII certame de fotografía Cidadáns Europeos de Galicia: Europeos na Casa

O prazo de presentación dos traballos permanecerá aberto ata o vindeiro martes, 9 de xuño, ás 14:00 horas. Esta edición busca mostrar o sentimento de unidade europeo ante a crise sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus
 
As fotos deben enviarse ao correo  cidadanseuropeosgalicia@gmail.com dende onde son subidas automaticamente á páxina de Facebook do concurso. Os gañadores serán publicados o 15 de xuño e recibirán unha cámara e unha tablet

Domingo, 07 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Últimos días para participar no VII certame de fotografía Cidadáns Europeos de Galicia: Europeos na Casa

Últimos días para participar no VII certame de fotografía Cidadáns Europeos de Galicia, que este ano ten como lema Europeos na Casa. O prazo para presentar os traballos estará aberto ata o vindeiro martes, 9 de xuño, ás 14:00 horas. O centro de información Europe Direct do Concello de Lugo, situado no CEI Nodus, xunto co da Deputación da Coruña, organizan conxuntamente a sétima edición deste concurso de fotografíaco obxectivo de mostrar o sentimento de unidade europeo ante a crise sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus.

Partindo da situación actual marcada polo COVID-19 que está a padecer toda a cidadanía europea, o tema do concurso é a representación da unidade e a diversidade, as dúas palabras que conforman o lema da Unión Europea: “Unidos na diversidade”, e que se han de poñer en valor neste momento de alerta sanitaria que afecta a todos os países da Unión Europea.

Deste xeito, as obras poden versar sobre algunha das seguintes temáticas: aplauso sanitario, deporte, arte, lembranzas, música, danza ou cociña na casa. Toda obra debe incluír un signo representativo da Unión Europea. No Facebook do concurso poden visualizarse as diferentes fotografías achegadas durante as últimas semanas.

Poderán participar todas as persoas residentes en Galicia e maiores de 18 anos. Para elo, deberán enviar unha fotografía ou unha montaxe ao correo electrónico  cidadanseuropeosgalicia@gmail.com dende onde serán subidas de maneira automática á páxina de Facebook do concurso. Cada participante deberá indicar no correo electrónico o centro Europe Direct ao que presenta a súa fotografía.

Os nomes dos gañadores serán publicados na páxina de Facebook do concurso o día 15 de xuño de 2020. Cada sede de Europe Direct fará entrega de dous premios, sendo un total de 4 premios a repartir entre o primeiro e o segundo de cada sede, respectivamente: para os primeiros clasificados o premio será una cámara de fotos, e para os segundos unha tablet.

Os interesados en obter máis información poden acceder á páxina de Facebook do concurso,  https://www.facebook.com/concursociudadanoseuropeosengalicia, ou a través da web www.lugo.es/europedirect.

Multimedia

  • Últimos días para participar no VII certame de fotografía Cidadáns Europeos de Galicia: Europeos na Casa

Noticias relacionadas