Últimos días para participar no concurso do cartel anunciador do MMXVI Arde Lvcvs

Todos os interesados poden presentar os seus traballos ata o mércores na Casa da Xuventude. O gañador recibirá un premio de 1.000 euros

Luns, 22 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O vindeiro mércores, 24 de febreiro, remata o prazo para participar no concurso de deseño gráfico para elixir o cartel do MMXVI Arde Lvcvs, que terá lugar do 16 ao 19 de xuño. Poderá concorrer toda a poboación, con traballos de formato A3 e técnica libre, que deberán ser presentados sobre soporte ríxido que facilite a súa exposición.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, animou a todos os interesados a presentar os seus deseños que deberán reflexar o espírito da festa Arde Lvcvs, facendo especial fincapé na reconstrución histórica. Os interesados presentarán os seus traballos na Casa da Xuventude, de xeito presencial de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30, ou ben por correo ordinario á rúa Xesús Bal e Gay s/n, 27002, Lugo.

Os deseños deberán ser presentados en sobre pechado co lema do cartel, sen ningunha outra forma de identificación. Noutro sobre, que tamén levará escrito o lema, adxuntaranse os datos do autor. Nos carteis obrigatoriamente ten que figurar o seguinte: Arde Lvcvs MMXVI, Festa de Interese Turístico Galego, a páxina web www.ardelucus.com, as datas de celebración e os logotipos das redes sociais Facebook, Twitter, Instagram e YouTube.

Por quinto ano consecutivo, un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 1.000 euros.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o concurso do cartel do MMXVI Arde Lvcvs|Descargar mp3

Noticias relacionadas