Últimos días para elixir o cemiterio de mellor actividade de portas abertas, que lidera Lugo

A cidadanía pode apoiar ata o sábado ao cemiterio de San Froilán no certame convocado pola revista Adiós Cultural en www.revistaadios.es

Esta é a segunda ocasión na que o camposanto lugués participa neste certame, acando en 2015 o galardón de Mellor Monumento Arquitectónico de España

Xoves, 28 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este sábado, 30 de setembro, finaliza o prazo para participar nas votacións populares do concurso para elixir o cemiterio de mellor actividade de portas abertas, que lidera Lugo. A cidadanía pode apoiar a proposta do Concello neste certame, convocado pola revista Adiós Cultural,  en www.revistaadios.es ou ben a través de www.lugo.gal

O camposanto lugués opta a gañar este certame, o que contribuiría a aumentar o atractivo turístico do municipio. Ademais, tan só a participació no concurso supón unha oportunidade para visibilizar o patrimonio lugués e para dar un paso máis no impulso do cemiterio, non só como obxecto do turismo patrimonial, senón tamén emocional.

Esta é a segunda ocasión na cal o Cemiterio de San Froilán participa neste concurso, acadando en 2015, o galardón de Mellor Monumento Arquitectónico de España. Desta volta, o Concello compite con Torrelavega, Barcelona, Avilés, Granada, Monturque, Frailes, Zaragoza e Abaurrea Alta.

Para participar neste certame, a entidade local elaborou unha memoria da programación de actividades culturais realizadas no recinto do cemiterio durante os últimos anos, para a posta en valor da riqueza artística do patrimonio histórico e cultural que se custodia no recinto, e para potencialo como un espazo de reflexión, calma e acougo. A traxectoria é froito dunha actividade planificada e ardua, cun obxectivo claro que ademais de potenciar a difusión entre a cidadanía da riqueza patrimonial do cemiterio, tamén pretende afondar  no concepto da morte como parte ineludible do ciclo vital e contribuír a unha visión máis asertiva do feito natural do fin da vida.

Audio

Noticias relacionadas