Últimas prazas para matricularse nos cursos de formación online gratuítos do Concello para lucenses maiores de 16 anos

As solicitudes poden realizarse a través da web www.formatelugo.gal En total ofértanse 50 cursos de 14 áreas profesionais para realizar de forma telemática
 
Fórmate Lugo é a nova iniciativa posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez para mellorar a empregabilidade dos lucenses trala crise derivada da COVID-19

Luns, 29 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Últimas prazas para matricularse nos cursos de formación online gratuítos do Concello para lucenses maiores de 16 anos

Preto de 700 lucenses xa solicitaron praza nos cursos de formación online que o Goberno de Lara Méndez puxo a disposición de persoas desempregadas, en ERTE e autónomos en situación de cese de actividade, de xeito totalmente gratuíto, para mellorar a súa empregabilidade trala crise provocada pola pandemia da COVID-19, a través da iniciativa Fórmate Lugo. Tras completarse máis do 50% das prazas ofertadas en menos dunha semana, o Concello abriu a matrícula a todas as persoas empadroadas en Lugo, co único requisito de ser maiores de 16 anos, a través da páxina web www.formatelugo.gal.

Actualmente, quedan 180 prazas vacantes divididas en 50 cursos e 14 áreas profesionais, incluíndo cursos de idiomas, márketing, administración de empresas, informática, loxística, turismo, industria alimentaria ou prevención contra a Covid-19, entre outros.

Os cursos realizaranse de forma totalmente online nunha plataforma dispoñible as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, poderase acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tablet ou móbil. As horas de aprendizaxe dependerán de cada curso, pero oscilan entre un mínimo de 15 horas e un máximo 210.

Os cursos máis demandados

Durante a primeira semana de inscricións, a formación en linguas estranxeiras foi a máis demandada. En menos de 48 horas esgotáronse todas as prazas dispoñibles para os cursos en inglés e francés en diferentes niveis. A súa vez, os cursos de manipulador de alimentos, xestión loxística e prevención de riscos laborais vinculado á COVID-19 son outras das formacións máis solicitadas polos usuarios, con máis de 30 reservas cada curso. Outras áreas de estudio e experiencia con alta demanda son o Carné Profesional de Limpeza, a xestión de vendas, a xestión do programa Amadeus e a creación de páxinas web con máis de 20 inscricións cada un.

As áreas e os cursos que se ofertan foron seleccionados despois dun traballo de análise previo de necesidades desenvolvido polo servizo de Orientación Laboral do Concello, que tamén tivo en conta na elección das materias aquelas que teñen unha alta demanda no mercado laboral actual. Deste xeito, pódese elixir entre unha gran variedade de materias ou áreas máis técnicas, como programación ou sistemas de bases de datos, competencias moi demandadas na dixitalización que experimenta o mercado.

As persoas que completen satisfactoriamente o curso online, recibirán un diploma acreditativo emitido polo Concello de Lugo. Toda a información sobre Fórmate Lugo e as particularidades desta oferta formativa pódense consultar de forma detallada na páxina web FormateLugo.gal

Noticias relacionadas