Última chamada para votar o cartel que anunciará o Arde Lvcvs MMXIX, que se celebrará o 14, 15 e 16 de xuño

Pódese facer través do facebook oficial destes festexos, www.facebook.com/ardelucuslugo

Enmarcado nestes festexos, o Concello ten aberto o prazo de inscrición para formar parte do Grupo de Seres Mitolóxicos. As anotacións poden facerse na Área de Xuventude, no Centro de Convivencia do Uxío Novoneyra

Venres, 22 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo fai a última chamada para participar na votación popular do concurso de deseño gráfico para escoller o cartel que anunciará o Arde Lvcvs MMXIX, que se celebrará o 14, 15 e 16 de xuño.

As obras que compiten, pódense votar ata as 12:00 horas deste domingo a través do Facebook oficial destes festexos, www.facebook.com/ardelucuslugo. Para poder realizar a votación soamente é necesario rexistrarse cun enderezo electrónico, o que permite un reconto de votos máis seguro. Unha vez feito o reconto de votos, farase pública a selección a través das redes sociais oficiais do Arde Lucus e da web do Concello de Lugo www.lugo.gal.

Tal e como recollen as bases, tras esta votación popular, un xurado formado por tres persoas expertas seleccionará, entre as 10 de maior puntuación, a obra gañadora. O fallo levarase a cabo o 27 de febreiro ás 11:00 horas na Casa da Xuventude. Nesta ocasión, o premio para o gañador ou gañadora ascende a 1.300 euros.

Enmarcado nestes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, o Concello ten aberto o prazo de inscrición para formar parte do Grupo de Seres Mitolóxicos. As anotacións poden facerse na Área de Xuventude, no Centro de Convivencia do Uxío Novoneyra, en xornada de mañá.

Audio

Noticias relacionadas