Todo a punto para a Gala Lucus Moda 2015, a gran cita da creatividade lucense

As entradas están practicamente esgotadas para o evento que reunirá mañá, a partires das 21:00 horas no Círculo das Artes, a máis de medio cento de persoas entre participantes e público

Mércores, 15 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Coma vén sendo habitual dende a primeira edición, os lucenses estanse a volcar novamente coa Gala Lucus Moda, con case todas as entradas dispoñibles vendidas de xeito que o cheo total está practicamente asegurado. A cita, que se celebra mañá ás 21:00 horas no Círculo das Artes, reunirá a máis de 500 persoas, entre profesionais, asistentes e medios de comunicación, asegurando o éxito dun evento que une, á súa natureza de escaparate do mellor da moda, o deseño e a artesanía lucense, o feito de ter carácter benéfico, posto que a recadación íntegra da venda de entradas irá destinada ao Fogar do Transeúnte da capital.

A sexta edición da Gala, que será presentada pola coñecida actriz lucense, Mariana Expósito, contará coa participación de 6 deseñadores, 16 firmas de artesanía e 9 perruquerías, que  amosarán as súas novas creacións, inspiradas nesta ocasión pola Mariña lucense, nun evento que se ten revelado como dinamizador do sector da creatividade luguesa. Este ano, ademais, os asistentes poderán gozar do orixinal espectáculo de danza de Yolanda Paz, Le fleur.

Apertura de portas ás 20:30 horas

Se ben o espectáculo dará comezo ás 21:00 horas, o público asistente poderá acceder ao Salón Rexio do Círculo das Artes a partires das 20:30 horas, presentando a súa entrada.

Antes de tomar asento, os que o desexen poderán obter un recordo do evento posando para os fotógrafos presentes no xa tradicional photocall.

Como tamén é tradicional, os alumnos da Fundación TIC seguirán coas súas cámaras todo o que aconteza dentro e fóra da pasarela.

O mellor da creatividade lucense

A Gala da Moda 2015 será posible grazas ao traballo de numerosos profesionais procedentes de toda a provincia: os deseñadores Luis Areñas; Manuel Bolaño; María Tacón; Montse Arias, Tina Cortón e Chicadecanela; as firmas de artesanía Azaia; Beatriz Valín; Carmen López; Cecilia Carballo; Cestería Viva; Corazóns Artesáns; Jara Rodríguez; M&N; Obradoiro en Lá; Yan Llan, Paula Dimé; Rappa Taller; Sra. María; Vidal Revilla, Amalgama e Traxandaina; as peluquerías Eduardo Souto Peluqueros; Miriam Souto Peluqueros; Mohama Peluqueros; Avalon Peluqueros; O Baúl da Beleza; Marta Campo; Meyva Peluqueros; Vanessa Martínez Estilistas e Blanco y Negro Peluqueros. O evento tamén conta coa colaboración de Dick&Paul; Cuplé; IES Muralla Romana; Janeiro Floristería; Lolita Blu; Ramón Rebolo; Lucus Piel Peletería; Marcos Peón, M&N Joyas; Messalina e Modesto Santa Eularia.

Noticias relacionadas