Terras de Auga e Cultura: novas 40 andainas gratuítas para coñecer a riqueza natural, arquitectónica, xeolóxica e patrimonial de Lugo

Carmen Basadre presentou a programación, que arrincará este domingo e se desenvolverá todos os domingos, agás o que coincide co Arde Lvcvs e o Domingo das Mozas, ata o 22 de decembro

As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina Municipal de Turismo ata as 14:00 horas do día anterior á andaina. Este ano, como novidade, haberá unha andaina pola Vía Küning, que se suma á da Vía XIX e a do Camiño Primitivo

Ao longo dos últimos anos, esta programación leva 197 visitas feitas, cunha media de participación entre 28 e 35 persoas. En total preto das 6000 persoas recorreron xa algunha das rutas

Martes, 26 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Terras de Auga e Cultura: novas 40 andainas gratuítas para coñecer a riqueza natural, arquitectónica, xeolóxica e patrimonial de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este martes, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, unha nova edición do plan turístico Terras de Auga e Cultura, que inclúe un total de 40 rutas pola cidade, o rural de Lugo e municipios limítrofes. Trátase de andainas guiadas que arrincarán este domingo, 31 de marzo, e terán lugar todos os domingos ata o 22 de decembro, excepto o domingo de Arde Lvcvs e o Domingo das Mozas. A programación arrincará cunha ruta baixo o nome de Fidalgos e Labregos no Camiño Primitivo.

Tal e como avanzou Basadre, as visitas, como vén sendo habitual, versarán sobre 5 temáticas distintas, 8 rutas por temática: xeoloxía, bioloxía, antropoloxía e etnografía, patrimonio histórico-artístico e arquitectura e deseño. Recorrerán o casco histórico de Lugo, pasando polos tres Patrimonios da Humanidade, así como as parroquias de Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai, San Lázaro da Ponte, Roméan, San Xoán do Alto, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, Bacurín, Santalla de Bóveda, San Pedro de Mera, Coeses, Gondar, Bascuas, Carballido, Coeo, Nadela, Muxa, Teixeiro, Conturiz (Castro), Piñeiro, Piúgos, Ribas de Miño, Santa Comba e Castelo, e tamén os municipios limítrofes do Corgo, Rábade, Guntín, Palas e Friol. As rutas discorren polas parroquias que contan con sinalización turística, levada a cabo polo Concello de Lugo e financiada pola Axencia de Turismo de Galicia, un plan de sinalización que chega a unhas 30 parroquias. Este ano, como novidade haberá unha andaina pola Vía Küning, que se suma á da Vía XIX e do Camiño Primitivo.

Lugo sigue sendo o único concello de Galicia que habilita estas rutas ao longo de todo o ano, que baixo o nome de Terras de Auga e Cultura engloba visitas temáticas de promoción turística para dar a coñecer a riqueza natural, arquitectónica e cultural que conserva o municipio, principalmente as parroquias da zona rural luguesa.

Basadre amosou a súa ledicia polo aumento que rexistran as visitas, de caracter gratuíto, desta programación ano tras ano, tanto dos propios veciños e veciñas como de turistas. De feito, estas rutas son unha das alternativas do Concello máis demandadas, vindo xente de fóra de Lugo unicamente a realizar estas excursións guiadas. Ao longo dos últimos anos, esta programación leva 197 visitas feitas, cunha media de participación entre 28 e 35 persoas. En total preto das 6000 persoas recorreron xa algunha das rutas. O público asistente, dentro de Galicia, é de Santiago, A Pontenova, A Coruña, Ourense, Lalín, Vigo ou Pontevedra. Do resto do territorio, destacan participantes de Madird, Barcelona e  País Vasco, e xa no edio internacional, Francia, Italia e Portugal.

Horarios e inscrición

As andainas desta programación desenvolveranse de 10:30 a 19:00 horas, de abril a outubro, e de 10:30 a 18:00 horas, nos meses de horario de inverno. Teñen como punto de saída e de regreso a parada do bus urbano situada diante do Seminario Maior, na rúa Anxo López Pérez.

A inscrición realizarase do mesmo xeito que nas anteriores edicións, é dicir, na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ata as 14:00 horas do día anterior á celebración da excursión. O número máximo de persoas participantes será de 35, pero algunha delas ten aforo limitado a 25.

Máis info

  • Folleto do plan turístico "Terras de Auga e Cultura"  | Descargar pdf

Audio

  • A edil Carmen Basadre, sobre o plan turístico "Terras de Auga e Cultura"  | Descargar mp3

Noticias relacionadas