Teatro, un espectáculo de monicreques e moita música; o finde en Lugo

O venres Mozart Heroes deleitarán ao público no Vello Cárcere cun chelo e dúas guitarras, ofrecendo música clásica, rock ou música de grandes películas nunha actuación con exceso de adrenalina. A entrada é libre ata completar aforo

O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá o sábado a presentación de Fedra e o domingo a función familiar A viaxe de Rosalía

Mércores, 06 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A axenda cultural da fin de semana presenta unha nutrida programación para todos os públicos, ben organizada ou coa que colabora o Concello. En concreto, o venres, 8 de febreiro, ademais do Faladoiro Feminista que acollerá o Pazo de San Marcos ás 20:00 horas da man de Laura Freixas sobre A cultura da (des)igualdade; o Vello Cárcere será escenario da segunda actuación do ciclo de Músicas Mesturadas, posto en marcha polo Concello. Mozart Heroes deleitarán ao público, a partir das 20:30 horas cun chelo e dúas guitarras, ofrecendo música clásica, rock ou música de grandes películas nunha actuación con exceso de adrenalina. A entrada é libre ata completar aforo.

Hai outra cita musical o venres na cidade: o concerto de Héctor Jorgue Guedes e Antonio Luciani, organizado pola Sociedade Filharmónica de Lugo, coa que colabora o Concello, ás 20:00 horas no Círculo das Artes.

O sábado, a compañía Pentación presentará Fedra, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, a partir das 20:30 horas. Fedra, a raíña da Illa do Volcán, está enferma. Os médicos son incapaces de averiguar a orixe do seu padecemento e o país enteiro anda preocupado polo seu estado de saúde. Algúns din que se volveu tola. Outros, que as longas ausencias do seu home, o rei da illa, remataron por devastar e asolar o seu corazón. Pero ninguén coñece a verdade e todos se equivocan. E é que a gran responsable da doenza de Fedra non é outra ca unha paixón que a atormenta desde hai tempo e que xan non pode reprimir máis: un erotismo inmoral e impúdico, un desexo violento e indómito, un amor prisioneiro e indecente. O que se quixo con esta Fedra é sacar á personaxe dese letargo no que sempre se encontrou para crear unha muller máis combativa e con menos medo; unha persoa que, fuxindo da traxedia, se mergulle de cheo nela e pelexe fronte a fronte; unha muller exenta de culpa, capaz de loitar polo que quere e que, ante todo, se atreva a amar.

Ao día seguinte, o domingo 10 de febreiro, as mesmas instalacións do auditorio acollerán un espectáculo de monicreques dende as 18:30 horas. Larraitz Urruzola - A viaxe de Rosalía. A protagonista desta viaxe é Rosalía de Castro, que vén coa súa madriña Francisca. Xuntas contarán pasaxes da vida da artista e algúns dos seus poemas, da man da actriz e titiriteira Larraitz Urruzola. Utilízanse títeres de mesa, onde o traballo de manipulación se fai á vista, creando diálogo entre actriz-títere-público-actriz.

As entradas para estas dúas funcións poden mercarse a través do portal web entradaslugo.es e na  Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.

Ademais, o sábado, a rúa da Cruz acollerá Cantos de Taberna. A convocatoria musical, coa que colabora o Concello, contará coa participación de catro agrupacións de música popular galega para animar o ambiente nos distintos establecementos: Searas, Amigos do Caldeiro, Os Corenta e Chinco e Os do 13. No evento colaboran distintos locais que teñen barra e espazo adecuado para estes Cantos de Taberna: Bulló Xantar, Millenivm, Karrusel, As Cinco Vigas, O Castor Taberna, People e A Tasca.

O domingo, ás 13:00 horas, o Vello Cárcere bailará ao son de swing co concerto de Cherry Sweet, organizado pola Deputación, en colaboración co Concello e a Asociación de Amigos de EscobiJaxx. A entrada ao concerto desta banda moderna e orixinal que versiona temas de todos os tempos é completamente gratuíta ata completar aforo. As tres cantantes galegas, Sabela Cereijo, Sandra Lima e Laura Martínez, están acompañadas polos músicos Isaac Garabatos, Gustavo Hernán e Diego "Noti" Valero, e cos seus sons transportarán ao público a outra época chea de harmonías, cor e boa enerxía.

Noticias relacionadas