A subida en máis do 50% das visitas á oficina de turismo do Concello en agosto consolida a Lugo como destino turístico

O pasado mes achegáronse á Praza do Campo máis de 10.370 persoas, un 14% máis que hai un ano. O 87% dos visitantes atendidos eran españois

En canto ao turismo estranxeiro, dos 1.381 foráneos, o 30% procedían de Francia e Italia. Do resto de visitantes estranxeiros destacan os portugueses e os alemáns

Máis de 5.500 persoas visitaron os museos lucenses, un 37% máis que o mesmo período do 2014. A Casa dos Mosaicos continúa a ser o máis visitado, con 2.492 persoas en agosto

Xoves, 03 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Máis de 10.730 persoas pasaron en agosto pola oficina de turismo municipal. O centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu o pasado mes un 14% máis de visitantes que hai un ano. Así o avanzou este xoves a Concelleira de Turismo, Cultura, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen subliñou que “este incremento de máis do 50% das visitas á oficina de turismo do Concello no mes de agosto con respecto a xullo, consolida a Lugo como destino turístico”. O venres 13 de agosto foi o día que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, un total de 580, rexistrando este servizo municipal unha media diaria de 335 demandantes de información.

“Lugo é unha cidade referente para os turistas nacionais”, avanzou Basadre, ao tempo que sinalou que o 87% dos visitantes atendidos eran españois. Un mes máis, os madrileños continúan estando á cabeza (2.254), seguidos de cataláns (1.266) e vascos (987). “Dentro da comunidade, os pontevedres son os máis fieis en elixir a nosa cidade como destino turístico”, destacou a edil.

En canto ao turismo estranxeiro, dos 1.381 foráneos, o 30% procedían de Francia e Italia, tal e como explicou a Concelleira. Do resto de visitantes estranxeiros, destacan os portugueses e os alemáns.

A oficina de turismo municipal rexistrou a súa maior actividade entre as 12:15 e as 13:30 horas aproximadamente. Nesta franxa achegáronse á Praza do Campo o 50% dos visitantes.

En canto á ocupación hoteleira, a edil explicou que no mes de agosto superou o 80%, incrementándose as pernoctacións en máis de sete puntos con respecto ao mesmo período do 2014. Basadre asegurou que “estes datos máis que positivos, demostran que o esforzo conxunto que vén realizando o goberno local xunto ao sector comercial e turístico arroxa os seus froitos”. Neste senso, a edil asegurou que “imos seguir traballando para fidelizar a todos os visitantes que chegan a Lugo en busca dun destino de calidade”.

Visitas aos museos

Polo que respecta aos museos, a Concelleira avanzou que recibiron máis de 5.500 visitas no mes de agosto, un 37% máis que o mesmo período do 2014, “unha tendencia positiva que contrasta os bos datos turísticos”, asegurou Basadre.

A Casa dos Mosaicos continúa a ser a máis visitada, con 2.492 persoas no mes de agosto, preto dun 50% máis que en xullo; seguida da Domus Mitreo, con arredor de 1.200 visitas, e o Museo Interactivo da Historia de Lugo, con arredor de 600 visitas ás súas instalacións. Á sala de exposicións de Porta Miña achegáronse máis de 460 visitantes, preto de 200 máis que en xullo.

Audio

Noticias relacionadas