Sons Creativos ofrece do 3 ao 6 de maio en Lugo un programa de concertos e sesións de electroacústica e arte sonora

Un obradoiro de informática musical e un concerto do GCSUS abren a programación desta plataforma de creación que rematará cun directo de Control and Unpredictability

Venres, 22 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Sons Creativos ofrece do 3 ao 6 de maio en Lugo un programa de concertos e sesións de electroacústica e arte sonora

A oitava edición do programa Sons Creativos, unha plataforma para a difusión e creación sonora, ofrecerá do 3 ao 6 de maio na capital luguesa un ecléctico repertorio de concertos, audicións, obradoiros de electroacústica e arte sonora e unha sesión final de improvisación libre, guiada polos membros do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) é aberta a participación daqueles artistas que traballan a música improvisada e a experimentación, empregando a tecnoloxía como base das súas creacións.

A nova edición de Sons Creativos, un programa organizado desde os seus comezos polo Grupo de Creación Sonora da USC baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas, Arturo Vaquero, Xoán Xil López, Mónica Álvarez e Efraim Díaz e ao abrigo do convenio Lugo Cultural, no que participan con achegas financeiras Concello de Lugo,  USC e a Deputación Provincial, constitúe unha decidida aposta por difundir e achegar ao público dúas formas de creación sonora pouco habituais, tales como son a electroacústica e a arte sonora.

A programación desta nova edición de Sons Creativos, presentada este venres nun acto no que interviñeron a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva; e Lucía López Sobrado, en representación da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, ademais de Inmaculada Cárdenas, está estruturadas en sesións de escoita de obras electroacústicas, obradoiros e concertos ao vivo. Un programa heteroxéneo de formación e divulgación que se desenvolverá no auditorio da Casa do Saber.

Programa

O Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUSC) abrirá o 3 de maio, ás 20.30 horas, a programación da oitava edición de Sons Creativos cunha intervención en directo no auditorio da Casa do Saber, o escenario no a oitava edición dos Sons Creativos ofrecerá un ciclo de concertos cun repertorio ecléctico, a través do que se destaca o peso en alza de grupos galegos como o ensemble de música contemporánea Vertixe Sonora, ou o proxecto Voltage Opposites, no que a música electroacústica se funde coa danza e o vídeo. A estas propostas cómpre sumar a dos portugueses Control and Unpredictability, que pecharán este programa o 6 de maio cun concerto ao vivo.

O programa dos Sons Creativos permitirá asemade que o público interesado poida gozar coa escoita do traballo de compositores de distintas procedencias, como é o caso do autor de orixe italiana Danio Catanuto, o compositor electroacústico de orixe brasileiro afincado actualmente na cidade de León, Edson Zamprona, Orlando García, compositor residente en Miami, ou dos creadores españois Elena Hidalgo e Juan Antonio Lleó.

O programa musical dos VIII Sons Creativos completa esta ampla oferta sonora coa celebración de dous obradoiros na primeira e na última xornada. Daquela, o obradoiro práctico de informática musical para a creación de paisaxes sonoras guiado por Arturo Vaquero servirá de apertura deste ciclo, que acubillará tamén o último día un obradoiro guiado por Mónica Álvarez sobre o dominio da voz.

Noticias relacionadas