Sonia Méndez defende que as subvencións destinadas polo Plan Urban ao cambio de mobiliario dos locais de negocio colaborarán na construción dunha cidade harmónica e de futuro

Venres, 12 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego do Concello de Lugo, Sonia Méndez, defendeu esta mañá que as subvencións destinadas a través do Plan Urban ao cambio de mobiliario das terrazas dos establecementos hostaleiros do centro histórico colaborarán na construción dunha “cidade harmónica e de futuro”. Así, nunha comparencia ante os medios de comunicación, explicou que este ano se van destinar ao proxecto un total de 300.000 euros, cantidade que espera manterse de xeito anual ata o 2011.

Trátase, tal e como explicou, dunha iniciativa posta en marcha polo Concello a través do Plan Urban no que o Executivo de López Orozco ten posto todo o seu empeño e no que vén traballando con gran esforzo e cuns éxitos moi satisfactorios.

En canto aos requisitos para acceder ás subvencións, Sonia Méndez expuxo que se optou por unhas características e modelos concretos co fin de conseguir un espazo unificado e harmónico, tendo en conta as características das distintas zonas do centro histórico. Unhas condicións deseñadas pola Oficina Urban e os técnicos do Concello e das que no seu día se informou a todos os implicados: aos grupos políticos, ao sector, ao Consello Económico e Social, e a cidadanía en xeral a través dos medios de comunicación e da publicación oficial no BOP.

A concelleira de Economía e Emprego explicou que o mobiliario para as terrazas dos establecementos contou en todo momento co apoio e aprobación dos hostaleiros, con quen foi consensuado. A medida busca, destacou, “un obxectivo a longo prazo, conseguir que a cidade de Lugo poida competir con outras cidades gracias ao seu gran cambio”.

A iniciativa tivo unha boa acollida no sector e xa contan con numerosas demandas. A concelleira manifestou a necesidade de dar conta desde o Concello dun proceso transparente, posible gracias a achega dos Fondos Europeos, e que só pretende a harmonía e a revitalización do centro histórico da cidade.

As subvencións presentan, salientou, un paso máis dentro dos obxectivos do Plan Urban, ao tempo que supón unha mellora estética moi importante para a cidade. Trátase de facer os establecementos máis atractivos, convertelos en foco de atracción de máis clientes e de máis visitantes, co obxectivo de dinamizar o centro histórico, que xunto coa Muralla é o principal atractivo turístico da cidade.

Noticias relacionadas