Setembro en Lugo tamén vai de teatro afeccionado

Carmen Basadre, Tareixa Campo e Suso Meilán presentaron 4 representacións, enmarcadas no Circuíto Galego de Teatro Amador, que acollerá o Auditorio Municipal Gustavo Freire, os días 8, 9, 15 e 16

As sesións, todas en lingua galega, terán lugar ás 20:00 horas e están dirixidas a un público de máis de 12 anos. O prezo das entradas é de 2 euros. Son tres comedias e unha de memoria histórica

Mércores, 05 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Setembro en Lugo tamén vai de teatro afeccionado

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a directora de Achádego Teatro, Tareixa Campo, e un dos membros desta compañía, Suso Meilán, presentaron este mércores, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, as obras que acollerá o Auditorio Municipal Gustavo Freire neste mes de setembro, dentro do Circuíto Galego de Teatro Amador 2018. O Concello colabora un ano máis con esta iniciativa da Federación Galega de Teatro Afeccionado, dentro da súa aposta por promover a actividade teatral afeccionada lucense e tamén galega, ao tempo que se difunde e impulsa o labor dos grupos e compañías teatrais do municipio. Concretamente son 4 representacións, 3 comedias e unha de memoria histórica.

No acto de presentación, Basadre puxo o acento nesta programación, toda ela en lingua galega, dos e das amantes naturais do teatro e na dinamización que lle dá ao Auditorio Municipal. Así mesmo, a edil aproveitou a ocasión para loubar o bo nivel de teatro co que contamos na cidade, e ao traballo que leva Achádego "dentro do seu labor artístico do mundo do teatro, que lle da á cultura de Lugo unha sinal de identidade".  

Pola súa banda, Tareixa Campo agradeceu ao Concello "pola excelente acollida que lle da aos proxectos de cultura e ao Teatro Amador"; ao tempo que puxo en valor a calidade artística e as montaxes das compañías que participan, que veén dende Vigo, Pontevedra, O Barco de Valdeorras e a Coruña, e que ofrecerán obras con contido social.

Nesta liña insistiu Meilán, quen enmarcou a organización destas actuacións na programación do seu 30 aniversario. Para rematar quixo facer un chamamento a encher o auditorio.

4 funcións

As representacións comezarán este sábado, 8 de setembro, coa obra Fuga, a cargo de Gargallada Teatro. Trátase dunha comedia de Jordi Galcerán na que se conta a historia de Antón Pita, conselleiro de Industria e Enerxía, quen acaba de dimitir por un escándalo de corrupción destapado polo xornalista polo que a súa muller decidiu deixalo. As sucesivas chegadas de distintos personaxes ao seu chalé darán lugar a unha trama cómica cun sorprendente final.

Ao día seguinte, o 9 de setembro, será a quenda da compañía O Trasno, que representará En Venda, un encontro de tres mullres do mesmo pobo, pero de moi distinta condición, unidas na fuxida e distanciadas no seu comportamento ante a vida e o momento histórico que lles toca vivir.

O sábado, 15 de setembro, Avelaíña Teatro traerá a Lugo A ópera de patacón, unha versión libre para charanga e comediantes pouco ou nada subsidiados, arredor de textos de John Gay e de Bertolt Brecht.

Finalmente, o domingo 16, péchase con Paso de Valverde poñendo en escena Ás portas, unha historia de guerra, de lembranzas, de esperanza e de cambio, unha historia que move, empurra e acompaña ás dúas protagonistas cara un novo mundo.

Todas as sesións terán lugar ás 20:00 horas e están dirixidas a un público de máis de 12 anos. O prezo das entradas é de 2 euros.

Audio

Noticias relacionadas