Servizo de Información 010 do Concello: 11 anos de servizo e máis de 900.000 consultas atendidas

Preto de 29.000 persoas contactaron no primeiro semestre do ano con este servizo, que recibe unha media de 5.200 chamadas mensuais, unhas 2.000 máis que o mesmo período do pasado ano

O número de persoas inscritas no servizo de mensaxería gratuíta a través do correo electrónico é de 3.250, e no de mensaxe ao móbil, 2.000. En canto ás redes sociais, o 010 conta con preto de 2.300 seguidores

Venres, 15 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Preto de 29.000 persoas contactaron co Servizo de Información 010 do Concello de Lugo no primeiro semestre deste ano, 2.000 persoas máis que o mesmo período do pasado 2015. Esta plataforma de atención cidadá recibiu máis de 26.600 chamadas dende xaneiro a xuño e xestionou máis de 2.300 correos electrónicos, un 35% máis de peticións por esta vía que o primeiro semestre do pasado ano, a maioría delas solicitando un servizo de intérprete de lingua de signos. Dende que o 010 entrou en funcionamento, hai 11 anos, atendeu a máis de 900.000 consultas, a través tanto de teléfono ou o enderezo electrónico.

Os meses de maior volume de chamadas neste primeiro semestre, como anos anteriores, foron maio e xuño, unhas 5.820, con motivo da celebración da festa do Arde Lvcvs.

O servizo, cun horario de luns a venres de 08:30 a 20:30 horas e os sábados, de 09:00 a 14:00 horas, recibe unha media de 5.200 chamadas mensuais, principalmente para dar avisos das distintas incidencias no funcionamento de servizos públicos, como atascos nas redes de sumidoiros ou avarías no subministro da auga, así como para demandar información municipal ou información de actividades realizadas por entidades colaboradoras do Concello. Destacan ademais chamadas relacionadas coa xestión e trámites como as inscricións para actividades, por exemplo.

Outros medios de información
O 010 facilita información por outros medios, como as redes sociais ou mensaxería. Neste senso, o número de persoas inscritas no servizo de mensaxería gratuíta a través do correo electrónico é de 3.250, e no de mensaxes de texto ao móbil, 1.950. En canto ás redes sociais, o 010 está presente en Facebook, Twitter e YouTube. Na actualidade ditas canles contan con preto de 2.300 seguidores, un milleiro máis que o primeiro semestre do 2015.

Noticias relacionadas