Semana Santa de luxo en Lugo: máis de 6.200 persoas visitaron o Vello Cárcere, a oficina de turismo, os museos municipais e as andainas do Concello

Tan só o centro de atención aos turistas da Praza do Campo recibiu a máis de 1.700 persoas, un 20% máis que os dous anos anteriores, e o Vello Cárcere, máis de 1.500

Luns, 17 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Semana Santa de luxo en Lugo: máis de 6.200 persoas visitaron o Vello Cárcere, a oficina de turismo, os museos municipais e as andainas do Concello

Máis de 6.200 persoas pasaron durante a Semana Santa luguesa pola Oficina Municipal de  Turismo, a rede museística municipal e o Vello Cárcere, así como polas rutas organizadas polo Concello ao longo da cidade, a zona rural e o novo centro cultural. Así o anunciou este luns a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen ademais subliñou que tan só o centro de atención aos turistas da Praza do Campo recibiu a máis de 1.700 persoas, un 20% máis que os dous anos anteriores, e o Vello Cárcere, máis de 1.500. O xoves, venres e sábado foron os días que máis visitantes se achegaron á Praza do Campo, un total de 1.015. O venres tamén foi o día que máis turistas visitaron o Vello Cárcere, 364, rexistrando as visitas guiadas dese día máis de 82 persoas curiosas pola historia deste espazo de novo funcionamento, pero de historia moi dura.

Carmen Basadre fixo fincapé nos datos de luxo desta Semana Santa, que se suman aos que se viñan rexistrando nos últimos anos, o que pon de manifesto que Lugo xa é un destino turístico consolidado. Outro dos datos máis relevantes que acreditan á cidade como destino foi a ocupación hoteleria, que alcanzou un 95,78% de media, un 10% máis con respecto ao mesmo período do ano pasado. Basadre tamén insistiu nun traballo conxunto entre Concello e colectivos para desestacionalizar o turismo.

Durante a pasada semana, pasaron pola oficina de turismo municipal e os museos máis de 3.900 viaxeiros nacionais, o que supón un 92% do total. Dentro da comunidade galega, os visitantes coruñeses estiveron á cabeza. Polo que respecta a turistas foráneos, pola Praza do Campo e os museos pasaron máis de 350 estranxeiros, dos cales o 49% procede de Europa. Estes días tamén visitaron a cidade 59 americanos. Dentro dos centros expositivos, que tiveron ao longo da Semana Santa un horario especial, o máis visitado foi a Casa dos Mosaicos, con 1.135 persoas, seguido da Domus do Mitreo, con 955.

 A edil explicou que en Lugo víronse estes días rúas e prazas ateigadas de xente, que fixeron ademais rebosar os locais hoteleiros. "Entre todos e todas fixemos que Lugo esté presente nas vacacións e nas visitas turísticas", aseverou a edil.

Oferta cultural interesante

Por outra banda, Carmen Basadre destacou a positiva resposta que recibiu a interesante oferta cultural que ofreceu a entidade local estes días, como o programa gratuíto de andainas, con máis de 200 participantes, tanto pola cidade, como pola zona rural, que continúan os domingos ata decembro, e o Vello Cárcere, con máis de 230 participantes, centro que tamén acolleu sesións de cine, que o Concello pretende continuar en vindeiras datas. Por este último espazo tamén terán lugar visitas guiadas os xoves 20 e 27, de 18:30 a 20:30 horas, os domingos 23 e 30 de abril, de 11:30 a 13:30 horas, e de 18:15 a 20:15 horas; e os días 21, 22, 28 e 29 de abril, de 11:30 horas a 13:30 horas. As prazas son limitadas, polo que hai que inscribirse previamente na recepción deste centro cultural, ou no teléfono 982-297-195. Neste mesmo emprazamento, na pranta baixa, actualmente pódese visitar a exposición Un cárcere, unha porta e un xardín, realizada pola arquiveira municipal, María Jesús Saavedra.

Equiocio conquistou a lucenses e visitantes

Equiocio, a cita de competición deportiva e lecer familiar, coa que colaborou o Concello, cerrou onte as súas portas no Pazo de Ferias e Congresos con máis do doble de participación que no 2016, achegándose xinetes de fóra de Galicia e de Portugal, o que fai que as previsións desta cita para o futuro sexan aínda máis positivas, querendo converterse nunha cita obrigada da Semana Santa Lucense, tal e como subliñaron Ana e Federico Pérez-Lago, directora e director técnico do evento. Dos miles de visitantes que pasaron por Equiocio, son moitos os que participaron nas propostas de lecer, tanto infantil, como na zona de artesáns, ou Equiocio Consciente, un espazo que pretende ser un dos focos desta cita, que nesta ocasión amosou aos que se achegaron ao Pazo, tanto lucenses como visitantes, distintas maneiras de estar e actuar con consciencia con proxectos dende cosmética ayurveda, venda de produtos benéficos e ata actividades lúdicas.

Noticias relacionadas