Seleccionados os 31 alumnos dos dous obradoiros de emprego acadados polo Concello, que arrancarán o día 29

O Lugo Cóidate, dirixido á formación no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos, continuará ata finais de marzo, e o TIC Arqueolóxico, dirixido a impulsar o Vello Cárcere, ata o mes de xuño

O Goberno local conseguiu en só dous meses máis de un millón de euros para desenvolver catro proxectos de fomento do emprego que beneficiarán a máis de 200 lucenses

Martes, 12 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou que o Concello de Lugo vén de publicar na súa web, www.lugo.gal, as actas de selección, tanto dos 31 alumnos traballadores, como dos monitores e directores, dos dous obradoiros de emprego que conseguiu o Goberno local: o Lugo Cóidate, centrado nos servizos de atención sociosanitaria, e o TIC Arqueolóxico, encamiñado á dinamización do Vello Cárcere a través das novas tecnoloxías. Cun orzamento total de 360.000 euros, as accións formativas comezarán o 29 de setembro, segundo avanzou hoxe a Concelleira de Emprego, e continuarán ata finais de marzo, no caso do Lugo Cóidate, e ata o mes de xuño, no do TIC Arqueolóxico.

Con estes dous obradoiros de emprego, o Goberno local conseguiu en tan só dous meses –en xullo e agosto- máis de 1M€ para catro proxectos de fomento do emprego que beneficiarán a máis de 200 lucenses, “e iso, a pesar de non ter as competencias, pero queremos facer todo o posible para axudar aos 6.707 desempregados e desempregadas do noso concello a encontrar un posto de traballo”. Trátase, explicou Ana Prieto, destes dous obradoiros de emprego que empezarán o 29 de setembro; do plan Empregalia, dotado con máis de 644.000 euros, achegados nun 92% por Europa, e que beneficiará a 150 mozos e mozas menores de 30 anos; e dúas Accións Formativas para Desempregados (AFD) en materia sociosanitaria.

“Todo isto é froito dunha planificación e traballo exhaustivo do Goberno local, que trata de captar a maior cantidade de investimentos para crear emprego no municipio, aínda cando as competencias son da Xunta de Galicia e do Goberno central”, subliñou a edil.

TIC Arqueolóxico

O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo, facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos, encamiñada a acadar coñecementos para a súa posterior inserción laboral e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.

Segundo a proposta municipal, aprobada integramente pola Xunta, este obradoiro terá unha duración de 9 meses e desenvolverase no Vello Cárcere. Entre as actuacións principais que se contemplan nas diferentes especialidades formativas a impartir atópase a dixitalización en 3D de bens mobles e inmobles do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dun canal cultural.

Lugo Cóidate

En canto ao outro obradoiro que poñerá en marcha o Concello, trátase do Lugo Cóidate, cun importe de 135.000€, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrecerase formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas.

O TIC-Arqueolóxico e o Lugo Cóidate súmanse aos programas de emprego que ten en marcha o Concello: Inicia Coworking, Mellora Lugo e (Con) trato feito!

Audio

  • A edil Ana Prieto, sobre os seleccionados dos Obradoiros de Emprego| Descargar mp3

Noticias relacionadas