A segunda edición de "Sons creativos" explorará a relación entre a música e os espazos

Xoves, 29 de abril de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A relación entre a música e os espazos será o eixo da segunda edición do encontro ‘Sons creativos, outra maneira de entender a música’ que se desenvolverá en Lugo dende o día 13 ao 15 de maio.

Este ano, o encontro está dedicado a Concha Jerez, artista e profesora da Facultade de Belas Artes de Salamanca, e a José Íges, que dirixiu durante moito tempo o programa musical ‘Ars Sonora’ de Radio Clásica, que dende hai anos son unha unidade no mundo da creación musical.

A iniciativa ‘Sons Creativos’, organizada ao amparo do convenio Lugo Cultural, xorde da idea de facer un intercambio musical entre a USC e outras universidades ou colectivos de música contemporánea e experimental, ao tempo que serve de foro de encontro para os compositores e creadores musicais máis vangardistas do panorama nacional.

As persoas interesadas en participar nesta actividade pódense inscribir dende este venres 30 de abril ata o 11 de maio na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

O programa de ‘Sons Creativos’ presentárono este xoves na Praza Maior da capital luguesa, a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a concelleira de Muller e Benestar Social do Concello de Lugo, Carmen Basadre; e o xerente territorial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.

Ao acto asistiron tamén a compositora e directora do Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS), Inmaculada Cárdenas; e o compositor, instrumentista e musicólogo valenciano Llorenç Barber, que amosou a súa maneira de entender a música coa presentación ‘Música volante para a Praza Maior de Lugo’, unha creación artística cunha ringleira de campás pensada para dotar dunha sonoridade diferente a este espazo do centro histórico lugués.

O programa
A programación de ‘Sons Creativos’ comezará o xoves 13 de maio a partires das 16:00 horas con varias intervencións sonoras na Praza Maior de Lugo a cargo do Grupo de Creación Musical da USC. Os compoñentes deste laboratorio musical universitario empregarán artisticamente as árbores da praza facéndolles soar co obxectivo de chamar a atención dos paseantes, animándoos a escoitar o espazo público dun xeito novo e diferente.

O venres 14 de maio ás 10:00 horas o compositor e produtor musical Arturo Vaquero presentará ‘Músicas e espazos virtuais’ no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación de Profesorado de Lugo.

Xa pola tarde, ás 20:00 horas, o Salón Rexio do Círculo das Artes acollerá o concerto ‘Músicas e espazos’ no que se poderán escoitar creacións dos membros do Grupo de Creación Musical da USC; a arquitecta italiana Cristina Palmese, o compositor José Luís Carles e os seus alumnos no monográfico musical que este curso se desenvolveu no Campus de Lugo; o Grupo do Departamento de Música da Universidade de Valladolid, no Campus de Palencia; e o músico Efraím Díaz, que traballa actualmente na elaboración dun mapa sonoro da capital luguesa.

Ademais dos concertos e as intervencións sonoras, o segundo encontro ‘Sons Creativos’ inclúe unha mesa redonda sobre a temática que dá nome ao encontro, a música e os espazos. Desenvolverase o sábado 15 de maio ás 10:00 horas no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación de Profesorado, e nela intervirán José Luís Carles, Pilar Cabeza, Cristina Palmese, Mónica Álvarez e Arturo Vaquero.

Ese mesmo día a partires das 12:00 horas, José Íges e Concha Jerez, aos que se dedica a segunda edición do programa, farán unha intervención sonora na Praza de Santa María baixo o título ‘Fragmentos de diario’.

Esta ampla oferta de actividades complementarase coa presentación e a exposición do libro Páxinas soltas no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado dende o 13 ao 26 de maio. Esta obra de Violeta Barrientos, que conta coa participación de Olga Mignot-Verme (gravados) e Inmaculada Cárdenas (música), compóñena unha selección de poemas do libro Cosas sin nombre publicado en Bos Aires no ano 2008.

Multimedia

Noticias relacionadas