Saor Patrol, unha das bandas escocesas de maior proxección internacional, actúa no Arde Lvcvs no seu único concerto en España

A  Alcaldesa, Lara Méndez, enmarca a actuación do grupo, que chega a Galicia por vez primeira, na aposta de Lugo por consolidarse como cidade de grandes concertos.

Con 25 anos de historia e 13 discos editados, Saor Patrol tocará o día 11 de xuño, e será, xunto coa presenza das Tanxugueiras, o día 12, o prato forte musical da festa.

O edil Mauricio Repetto destaca que estas actuacións serán gratuítas, e sinala que “traballamos para que o Arde Lvcvs recupere o seu esplendor tras a pandemia”.

Xoves, 12 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Saor Patrol, unha das bandas escocesas de maior proxección internacional, actúa no Arde Lvcvs no seu único concerto en España

Saor Patrol, unha das bandas escocesas máis recoñecidas e de maior proxección internacional, será unha das actuacións musicais forza, xunto coas Tanxugueiras, da programación para o Arde Lvcvs deste ano. Así o anunciou hoxe a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que destacou o interese do Concello por “seguir apostando por traer música de gran calidade a Lugo para consolidarnos como cidade de grandes concertos”.

Nesta liña, a rexedora destacou “o enorme atractivo que xa supón o Arde Lvcvs para as bandas de renome internacional, porque Lugo será o único sitio onde se poderá ver en España a Saor Patrol neste 2022, grupo que ven a Galicia, ademais, por vez primeira”.

A súa presenza, sostivo, servirá tamén para avanzar no recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, xa que agora ten o recoñecemento galego e nacional. 

Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude, área que organiza o Arde Lvcvs, destacou que este concerto, que se celebrará o día 11 de xuño, así como o de Tanxugueiras, previsto para o peche da festa, o día 12 de xuño, será gratuíto. 

Con 25 anos de historia e 13 discos editados, o grupo escocés é un dos grandes referentes internacionais da música celta. O seu son único, produto da mestura de instrumentos de época e actuais, convérteo nunha banda de culto con miles de seguidores nos cinco continentes, polos que viaxaron deixando sinal nos máis prestixiosos festivais de folk.

“A súa caracterización en escena, cun vestiario que evoca á dos antigos clans escoceses e un directo potente e cativador no que rememoran as antigas fazañas e lendas do seu pobo, entronca directamente coa festa de Arde Lvcvs”, sostén o concelleiro.

O executivo de Lara Méndez traballa co obxectivo de que o Arde Lvcvs regrese nesta edición con toda a súa forza co obxectivo de revitalizar os sectores cultural, hostaleiro e de ocio. Neste senso, Repetto anima a toda a cidadanía a participar neste gran festa de Lugo os vindeiros 9, 10, 11 e 12 de xuño, “que recuperará o esplendor desta festa despois de dous anos marcados pola pandemia”.

Noticias relacionadas