Sae a licitación no BOP a instalación dos restaurantes do Arde Lvcvs, que por primeira vez se instalarán todos xuntos na Praza de Bretaña

O prazo de presentación de proposicións, que será no Rexistro Xeral do Concello, é ata o 28 de maio

O patio exterior do Vello Cárcere será o espazo fixo do teatro romano destes festexos, que terán lugar entre o 15 e 17 de xuño

Xoves, 12 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, avanzou que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a licitación para a autorización de instalación de restaurantes no Arde Lvcvs 2018, prorrogable para os anos 2019, 2020 e 2021. Nesta ocasión, e tras a remodelación dalgúns aspectos da festa, declarada de Interese Turístico Nacional, os restaurantes irán por primeira vez todos xuntos na Praza de Bretaña.

Deste xeito, a entidade local abre o prazo para a presentación de proposicións que é de 30 días hábiles, finalizando o día 28 de maio. As instancias, que deben facerse no Rexistro Xeral do Concello, deberán ir acompañadas de dous sobres, un coa documentación administrativa e outra coa oferta económica.

Trátase do outorgamento, por procedemento aberto, da autorización para 3 restaurantes ao longo dos festexos. Existen dous tipos de pagamento ao Concello. Por un lado unha taxa de 422,40 euros e por outro o canon, como prestación ao beneficio obtido, que é ademais un criterio de adxudicación, 2.227,20 euros.

Basadre tamén anunciou que o patio exterior do Vello Cárcere será o espazo fixo do teatro romano destes festexos, que terán lugar enntre o 15 e o 17 de xuño. Deste xeito, as agrupacións teatrais de Lugo terán un lugar permanente para realizar as súas representación, a maiores das interpretacións de rúa.

Máis información en www.lugo.gal

Audio

Noticias relacionadas