Rubén Arroxo: “hoxe é un día histórico, Lugo entra no século XXI cun novo sistema de transporte público”

O Tenente Alcalde afirmou que: “antes de final de ano contaremos cunha nova praza peonil na zona máis significativa da Muralla”

 “Os vehículos están circulando con fluidez nas rúas que cambiaron o sentido da circulación”, declarou Rubén Arroxo

Xoves, 03 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo: “hoxe é un día histórico, Lugo entra no século XXI cun novo sistema de transporte público”

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, afirmou que “hoxe é un día histórico para a cidade Lugo, coa entrada en funcionamento das novas liñas de transporte público e o corte de tráfico na zona da Mosqueira”. O Tenente de Alcalde realizou unha viaxe en bus esta mañá, onde destacou que “hoxe Lugo está a pasar polo cambio de mobilidade máis grande acontecido nos últimos anos”.

As liñas de bus urbano que entraron esta mañá en funcionamento reforzarán as conexións entre os distintos barrios e o centro da cidade, cunha frecuencia de 30 minutos nos barrios, e 10 minutos no eixo norte-sur da cidade, onde se atopa a maior parte da poboación. Ademais, mellórase a conexión co HULA, que gañará conexións con Fontiñas, a zona sur e a avenida das Américas, o que permitirá que a maior parte da veciñanza de Lugo teña acceso ao hospital. Xunto coas novas liñas entran en funcionamento as novas pantallas informativas, que dan información en tempo real. Arroxo explicou que “as novas pantallas están xa a informar sobre o paso dos vindeiros buses, e co paso dos días o propio sistema irá dando información máis precisa”.

A peonalización da Mosqueira adxudicada á empresa Hermanos Pico Yañez, que presentou un orzamento de 588.836€ e os traballos terán un prazo de realización de 8 meses. A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira.

Durante esta noite, púxose en marcha a modificación de tráfico na contorna da Mosqueira xunto co cambio da sinalización horizontal. Arroxo destacou que “este cambio permitirá gañar sobre 100 prazas de estacionamento próximas ao centro”.

Os cambios de tráfico entraron en funcionamento esta mañá, afectando á praza Xaquín Lorenzo "Xocas", e os seus entronques con Rodríguez Mourelo e rúa Vilalba, ademais da avenida Ramón Ferreiro, Salvador de Madariaga, praza de Bretaña, rúa Dinán, rúa Galiza, rúa Celso Emilio Ferreiro, rúa Aviador Parga Cerezo, rúa Cidade de Vigo, praza da Constitución, rúa Anxo López Pérez, rúa Hermanitas e rúa San Roque.

O Tenente Alcalde afirmou que “malia que á primeira hora da mañá atopamos as retencións habituais tendo en conta a magnitude dos cambios, agora mesmo o tráfico está a circular de xeito fluído, cumprindo coas previsións calculadas durante a realización do plan de tráfico”.

Cambios de tráfico

O cruce entre a rúa Vilalba e Ramón Ferreiro pasou a ter unha rotonda permitindo continuar por Ramón Ferreiro ou Rodríguez Mourelo, mentres que a avenida alcalde Anxo López Pérez cambiou de sentido. Para continuar cara a San Roque, o novo percorrido pasa por Salvador de Madariaga, que cambiou de sentido, continuando pola praza de Bretaña e a Rúa Dinán, onde se pode coller cara a rúa das Hermanitas, que leva a San Roque ou á rúa Cidade de Vigo, que vén de cambiar tamén de sentido para comunicar co aparcadoiro disuasorio do Seminario Menor.

Audio

  • Rubén Arroxo, sobre o sistema de transporte público | Descargar mp3
 

Multimedia

  • Rubén Arroxo: “hoxe é un día histórico, Lugo entra no século XXI cun novo sistema de transporte público”
  • Rubén Arroxo: “hoxe é un día histórico, Lugo entra no século XXI cun novo sistema de transporte público”

Noticias relacionadas