Rubén Arroxo e Cristina López xuntáronse con comerciantes da Praza de Abastos e do Mercado Municipal

Cristina López: “as obras na parte de baixa da Praza de Abastos e a Peonalización de Quiroga Ballesteros serán un revulsivo para os postos”

Rubén Arroxo: “queremos coñecer as opinións dos praceiros e praceiras para levar a cabo proxectos na praza e no mercado”

Xoves, 28 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Cristina López xuntáronse con comerciantes da Praza de Abastos e do Mercado Municipal

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, mantiveron unha xuntanza con comerciantes da Praza de Abastos e do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros para informalas das actuacións previstas para mellorar a seguridade e a accesibilidade en ambas instalacións municipais. ”Queremos coñecer as opinións dos praceiros e praceiras de cara a levar a cabo proxectos nestas instalacións emblemáticas do centro da cidade”, afirmou Rubén Arroxo.

Entre as propostas trasladadas pola edil de Participación ás distintas vendedoras e vendedores, Cristina López anunciou “a intervención e cuestións que preocupan a titulares dos postos como a entrada de aves nos edificios, que se evitará con sistemas disuasorios”. Ademais, a edil de Participación trasladoulles “a mellora do funcionamento das portas de seguridade e instalar cámaras de videovixilancia”. Por outra banda, Cristina López afirmou que “estamos traballando na implantación dun sistema electrónico que permita o acceso ás praceiras e praceiros fóra do horario de apertura das instalacións”.

Rubén Arroxo e Cristina López afirmaron que “estamos a traballar para que a Praza e o Mercado sexan referencia comercial no centro da cidade e darlle un pulo para, tamén, convertelas en atractivo turístico”. Arroxo respondeu ás preguntas relacionadas co comenzo das obras de peonalización de Quiroga Ballesteros e o desenvolvemento das obras. Arroxo anunciou, tamén, que contará con representantes do colectivo para o deseño do plan de tráfico que se levará a cabo durante as obras. Cristina López afirmou que as unha das liñas de traballo do goberno municipal é traballar, xunto cos distintos praceiros e praceiras, na mellora do funcionamento da Praza e do Mercado “unha colaboración que xa se puxo en marcha cos novos servizos postos en marcha, como a entrega a domicilio”.