Rubén Arroxo e Cristina López visitan a Praza de Abastos con integrantes da cooperativa A Carqueixa

Cristina López: “agardamos que a Carqueixa teña presenza na Praza de Abastos nun futuro próximo”

A cooperativa A Carqueixa vén de ser recoñecida co premio Aresa de desenvolvemento rural polo seu proxecto de venta online

Martes, 23 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Cristina López visitan a Praza de Abastos con integrantes da cooperativa A Carqueixa

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto con Cristina López, concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, e integrantes da cooperativa A Carqueixa visitaron a Praza de Abastos. Cristina López afirmou que ”desde a Praza de Abastos queremos colaborar para continuar cun proxecto como o que está a levar adiante a cooperativa A Carqueixa”. A edil de Participación explicoulles aos integrantes da cooperativa o procedemento para obter un posto na Praza, e declarou que “agardamos que desde A Carqueixa mostren interese en formar parte do proxecto da Praza e do Mercado de Lugo, onde en breves van comezar a distribuír produtos aos comercios de alimentación”.

O obxectivo da área de Participación é chegar a ter a totalidade dos postos da Praza e do Mercado ocupados e con funcionamento. Cristina López explicou que “estas instalacións están pensadas para atopar produtos de primeira calidade, no que as persoas reciben a atención persoal das distintas profesionais de cada posto”. A edil de Participación destacou as distintas accións que se están a levar a cabo para promocionar a Praza e o Mercado Municipal, como a campaña de promoción das instalacións e a reforma que se está a levar a cabo no soto, “que permitirá poñer en marcha propostas como postos de degustación de productos”.

A cooperativa A Carqueixa conta na actualidade con 200 socios. O proxecto baséase no compromiso coa calidade, tendo toda a carne producida o selo de Ternera Galega Suprema, con moitas das explotacións adicándose á trashumancia, alimentando aos animais de xeito totalmente natural, e ao aire libre, co que colaboran co mantemento dos montes limpos, o que reduce o risco de incendios. Ademais, a actividade contribúe a fixar poboación no rural e ao crecemento económico sostible da zona. O seu proxecto de venta online vén de facela gañadora do premio Aresa de desenvolvemento rural.

Audio

  • A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, sobre a Praza de Abastos | Descargar mp3

Multimedia

  • Rubén Arroxo e Cristina López visitan a Praza de Abastos con integrantes da cooperativa A Carqueixa

Noticias relacionadas