Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan Recatelo, onde se están a peonalizar as rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo

O Tenente Alcalde destacou que “os traballos están a avanzar a bo ritmo, seguindo a planificación elaborada polo Goberno de Lugo”

“Recatelo converterase nunha zona de paseo importante, comunicando a zona centro co parque de Rosalía”, afirmou Rubén Arroxo

Xoves, 10 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan Recatelo, onde se están a peonalizar as rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo

O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que o vindeiro luns comezarán os traballos de peonalización no barrio de Recatelo, nas rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo. Arroxo afirmou que "estamos a traballar na mellora da imaxe dun barrio histórico da cidade, situado entre a Muralla e o Parque de Rosalía", e destacou que "Recatelo pode ser unha importante zona de paseo, entre o centro e o Parque de Rosalía, e ao mesmo tempo podemos mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza".

O Tenente Alcalde destacou que “os traballos están a realizarse a bo ritmo, seguindo a planificación elaborada pola área de Mobilidade e Infraestruturas”, e engadiu “a planificación realízase tratando de producir as mínimas molestias ás veciñas e veciños da zona”.

Arroxo explicou que "con estes traballos daremos un paso adiante na humanización do barrio de Recatelo, engadíndoas aos traballos xa realizados no verán pasado na rúa Vila de Sarria". Esta actuación foi adxudicada por 208.626,59€, e un prazo de execución de 6 meses.

"Desde o goberno municipal seguimos traballando nunha cidade na que os peóns sexan o centro da mobilidade", afirmou Rubén Arroxo, que destacou as diversas medidas postas en marcha para este fin "como a realización de pasos de peóns elevados ou as distintas peonalizacións que se están a levar a cabo e a proxectar".

Audio

  • O edil de Infraestructuras Urbanas, Alexandre Penas, sobre as obras en Recatelo | Descargar mp3

Multimedia

  • Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan Recatelo, onde se están a peonalizar as rúas Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo

Noticias relacionadas