Rubén Arroxo anunciou a adaptación da ordenanza municipal de circulación no relativo aos VPM

A Dirección Xeral de Tráfico ven de emitir unha instrución en relación á utilización dos Vehículos de Mobilidade Persoal

Arroxo explicou que imos recabar información dos departamentos técnicos municipais e anunciou “tamén escoitaremos ás persoas usuarias”

Martes, 10 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo anunciou a adaptación  da ordenanza municipal de circulación no relativo aos VPM

Rubén Arroxo, como responsable da Área de Mobilidade do Concello de Lugo, anunciou a posta en marcha do proceso para “adaptar a Ordenanza Municipal de Circulación á realidade da mobilidade e, tamén, á normativa estatal que está evolucionando en relación aos Vehículos de Mobilidade Persoal”. Arroxo sinalou que “a utilización de patinetes eléctricos e outros vehículos de mobilidade persoal é cada vez máis abundante e debemos empezar a traballar para que ordenanza permita o uso racional de estes aparellos que, sen dúbida, xa son unha realidade e certamente poden facilitar a mobilidade de moitas persoas”.

A recente publicación dunha instrución da Dirección Xeral de Tráfico en relación aos VPM xa avanza que haberá unha parte da regulación definitiva, aínda pendente, que corresponderá aos concellos. Na instrución emitida dende a DXT establécense criterios a seguir por usuarios, concellos e axentes encargados da vixilancia do tráfico mais o estado deberá de redactar unha normativa específica para os VMP. Arroxo sinalou “os concellos tamén debemos adaptarnos para cubrir aqueles aspectos nos que a norma xeral deixe en mans das normativas municipais a regulación do uso dos VMP”.

Arroxo lembrou que a Ordenanza Municipal de Circulación do Concello de Lugo foi publicada o 17 de decembro do ano 2012 e dende aquel momento non se fixeron adaptacións específicas e nalgúns casos podería resultar contraditoria coa instrución ditada pola DXT. Arroxo anunciou que “imos iniciar o proceso por que queremos a participación de todas as persoas e entidades que teñan interese en facer aportacións” e engadiu “o primeiro paso será falar cos departamentos técnicos do concello”.

Audio

Noticias relacionadas