A revista oral Letra das festas San Froilán 2017 xira ao redor do prato estrela destes festexos, o polbo

Lara Méndez asistiu a esta narración literaria colectiva, que en poucos anos xa se converteu nunha cita ineludible dentro destes festexos

O Concello colabora con esta iniciativa co fin de reforzar a memoria histórica lucense, tratando cuestións moi diversas relacionadas con estas festas

Martes, 10 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A revista oral Letra das festas San Froilán 2017 xira ao redor do prato estrela destes festexos, o polbo

A programación do San Froilán, declarado de Interese Turístico Galego e Nacional, continúa este martes cunha decena de actividades, que misturan ambiente na rúa, cultura, música e baile. No sétimo día das festas, tivo lugar a presentación da revista oral A Letra das Festas, un acto organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patronicio do Concello, que serve, nesta ocasión, para recuperar acontecementos que xiran ao redor do polbo. O Vello Cárcere é o escenario escollido para esta actividade, que ofrecía entrada de balde ata completar aforo.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu a esta lembranza colectiva, baixo o nome de Historias e anécdotas do pulpo (tamén chamado polbo) na que participaron o etnógrafo, investigador e autor, xunto con Teresa Pena, do último libro da colección San Froilán dos Devanceiros: O polbo no San Froilán de Lugo-, Fernando Arribas; as escritoras Xosefa Anllo e Aida Soegas, un representante da pulpería estradense Porta, Amador Porta, e a pulpeira coñecida como Aurora do Carballiño. A banda sonora do relato, conducido por Isidro Novo, Lois Pérez e Antonio Reigosa, puxérona Os Minhotos.

Esta é a sétima edición desta actividade de narración literaria, que se celebra coincidindo coas festas patronais. En tan poucos anos xa se converteu nunha cita ineludible dentro destes festexos. O Concello colabora con esta iniciativa, dende a Concellería de Cultura, co fin de reforzar a memoria histórica lucense, tratando cuestións moi diversas relacionadas con estas festas.

Dende este mediodía, o ambiente da rúa estivo animado pola charanga Viño Branco e Musel. Pola tarde será a charanga Os Jalácticos os que amenicen o centro. Ademais, La Descarga actuará na Praza da Milagrosa, ás 20:30 horas, e Xoán Eiriz presentará Verbas no vento, na Praza de Santa María ás 21:00 horas. O San Froilán Miúdo, a feira Gastroarte e o recinto feiral continúan coa súa actividade, na que se dan cita numerosas persoas.

Mañá o Concello celebra o Día do Camiño Primitivo, cunha ruta que enxalza os dereitos humanos nesta vía de peregrinación. A cultura no Camiño tamén ten cabida na xornada de mañá, na que tampouco faltará o ambiente de rúa nin a verbena.

Multimedia

  • A revista oral Letra das festas San Froilán 2017 xira ao redor do prato estrela destes festexos, o polbo

Noticias relacionadas