A revista Foeminas publica o seu primeiro número do 2009 con novas seccións

Venres, 16 de xaneiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A revista Foeminas comeza o ano presentando o seu número de xaneiro con novas seccións e con renovados debates. Por iso, este número presenta a sección Fale dela, coa que se intenta dar a coñecer un enfoque diferente sobre as mulleres desde a perspectiva masculina.

Neste primeiro número do 2009 publícase o artigo de Rafael Chávez Fuyola sobre a súa nai: Encarnación Fuyola Miret, unha loitadora esquecida. O obxectivo deste espazo é brindarlle, xunto as palabras do seu fillo, unha homenaxe. E se de homenaxes se trata expóñese en Contemporne@ o traballo de Miriam Makeba, a cantante surafricana que soubo combater ao "apartheid" desde o arte. Desde Historia de Mulleres tamén se pretende brindar unha homenaxe, neste caso a Dionisia López Amado en "Retrato dunha nai galega".

En Mullerciclopedia publícase unha crítica da obra "Unha primavera para Aldara" de Teresa Moure por Cristina Corral Soiln. Doutra banda, Cristina Corral Soiln preséntanos na Portada a primeira parte do seu ensaio: "Limitacións na linguaxe non verbal: a imaxe da muller na publicidade".

Na Galería de Arte ofrécese o traballo da polémica artista feminista francesa Orlan.
Mentras que o habitual espazo de reflexión céntrase na actualidade con "Que a guerra non me sexa indiferente", un aporte sobre a situación que se vive na Franxa de Gaza. Para continuar debatendo sobre este tema no apartado Enlazad@s a publicación ofrece un informe sobre a posición das mulleres activistas e o seu compromiso coa paz no Medio Oriente.  

Para rematar, tamén chegan novos contidos nas seccións: Noticias, Foeminas panorámica, Mullerecetario, Viaxeiras e Conectadas.

Noticias relacionadas