A resaca retranqueira deixa un Lugo cheo de arte e cociña de autor

Todas as actividades acadaron unha favorable resposta cidadá, dende a Carpa das Letras Retranqueiras ata a Arte con Agri-Cultura de Paco Pestana, se ben disque foi o seu perfil gastronómico un dos máis celebrados

Luns, 13 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo vén de reinventarse, seica de refundarse, mais sen perder porén nin chisco da súa quintaesencia. Fiel a súa orixe, estes últimos sete días a cidade da muralla ten sabido transformar aquel Pan e Circo riba do que foi creada, nun moito máis xeitoso Cociña de Autor e Arte Multidisciplinar, un proxecto da concelleira de Cultura Carmen Basadre que para si o quixese o egrexio Paulo Fabio Máximo. Certo que a intención que agochaban uns e mais os outros gobernantes é de todo oposta, aqueles aparvaren os cidadáns, estes estimulalos, pero en ambos os casos, quer os lucus de antano quer os lugueses de hogano, ben que tiveron a oportunidade de botar unhas gargalladas.

Tal e como era de prever, o I Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca organizado pola Concellería de Cultura concitou opinións para todos os gustos. Cumpría, se callar, posto que o seu programa estaba dende un principio concibido, precisamente, para satisfacer o padal de todos e cada un dos lugueses. Música, escultura, literatura, gastronomía, monicreques, humor, maxia, poesía... unha trintena de propostas de todo tipo cun só denominador común, a retranca, único fío condutor dun festival que, segundo se puido comprobar aos poucos durante toda a semana, foi gratamente acollido pola cidadanía; ao cabo, xuíz e parte, e xa que logo, o mellor barómetro do acerto (ou non) da iniciativa.

“Fachenda, a xusta”, di a ideóloga do Festival, a concelleira Carmen Basadre. “Saíu moi ben, estamos por suposto moi contentos, pero foi só grazas ao apoio e mais o agarimo co que foi acollido por todos os veciños. Os lugueses e luguesas son os únicos artífices do éxito deste proxecto, un encontro multidisciplinar coa cultura coma eixe e a retranca coma escusa”... Nacido, aclara Carmen Basadre, dun xermolo modesto: celebrar o primeiro aniversario das Catas Literarias e que, polo camiño, medrou ata facerse unha auténtica festa-homenaxe a ese costume tan difícil de exportar, incluso de deprender, que é a retranca galega.

“O noso desexo sería que tivese continuidade”, advirte a concelleira, “tamén o numeramos por iso, coa intención de que haxa un segundo Festival da Retranca e despois un terceiro e logo outro máis, disque como ocorreu con tantas outras iniciativas que acadaron o respaldo cidadán, como o Arde Lucus, poño por caso... pero xa se verá”.

Máis alá das cifras de participación, disque sempre relativas, dá idea da marcha deste I Festival Internacional da Retranca a cota de entradas retiradas polos interesados para asistiren ás distintas citas diarias; un requisito imprescindible, aínda sen custe ningún, no caso do Museo Interactivo da Historia, sede central das actividades. O MIHL chegou ter completo o seu aforo, mesmo se loxicamente a resposta do público non foi idéntica os sete días que se prolongou o encontro. A participación cidadá na Carpa das Letras Retranqueiras, pola súa banda, foi igualmente interesante, sobre todo tendo en conta que as cinco librarías participantes na feira tiñan asemade os seus propios locais abertos durante o Festival.

O perfil gastronómico do Festival foi un dos máis celebrados, talvez pola súa orixinalidade. Ademais das Xornadas de Alta Gastronomía con Retranca do Mesón Colón e o chef Santi Almuiña, cinco restaurantes moi coñecidos da cidade (España, Antas, Campos, O Mercado e mais a Arroceiría Os Cachivaches), aqueles co “Bo Humor Garantido”, ofreceron durante a semana do Festival tapas retranqueiras creadas para a ocasión; pinchos onde nada era o que parecía, pero ao cabo ben gorentoso o mesmo. A guinda púxoa a cervexa Retrancus, elaborada en exclusiva para a ocasión, esa que disque  pasará á historia como “posiblemente, a peor do mundo (ou non)”.

Tamén poida achegar unha perspectiva da transcendencia que tivo o Festival retranqueiro por dentro e fóra da muralla o eco que acadou tanto a súa presentación como o seu desenvolvemento, nas redes sociais e mais os medios de comunicación. As pezas de información reflectindo os contidos cotiás sucedéronse nos xornais igualmente decote. Fixéronse seguido sobre o terreo reportaxes de radio e televisión. O seu progreso tuiteouse día tras día, igual que apareceron entradas regulares no Facebook. Por saír, o foro lugués chegou saír ata na web da guía Repsol e mais o seu portal web gastronómico de cabeceira.

Audio

  • Carme Basandre fai balance do I Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca | Descargar mp3

Noticias relacionadas