A renovación da rede de abastecemento da Ronda das Fontiñas arrincará neste mes

O Concello inviste 233.500 euros en substituír as tubaxes de fibrocemento no treito entre as rúas Sanxillao e Montirón, de San Eusafrio ata o comezo do Parque dos Paxariños, e entre a rúa Montero Ríos e o Carril das Frores

Martes, 05 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo acometerá en vindeiros días as obras de renovación da rede de abastecemento na Ronda das Fontiñas, unhas obras que contan cun prazo de execución de catro meses. Trátase dunhas actuacións moi demandadas polos veciños e veciñas da zona ante a antigüidade da subministración, o que provoca continuas avarías. Con esta intervención, a entidade local garante as boas condicións dun servizo público como é o abastecemento.

Nesta medida, coa que se substituirán as tubaxes de fibrocemento no treitos da Ronda das Fontiñas comprendidos entre as rúas Sanxillao e Montirón, de San Eusafrio ata o comezo do Parque dos Paxariños, e entre a rúa Montero Ríos e o Carril das Frores, a entidade local investirá 233.500 euros, co obxetivo de completar a intervención que se levara a cabo no proxecto de rexeneración do pavimento e renovación de servizos en Ronda das Fontiñas, no treito Carril dos Caiños-rúa Sanxillao.

Esta mellora súmase a outras que o Concello está acometendo na cidade para mellorar os servizos e infraestruturas públicas, como as obras de asfaltado da Ronda da Muralla, entre San Roque e a Praza Bispo Odoario.

Noticias relacionadas