Rematan os talleres de creación e actividades lúdicas para nenos

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os talleres de creación e de actividades lúdicas, que se están a desenvolver no Centro Social do Sagrado Corazón desde o pasado mes de xullo, chegan ao seu fin tras vinte horas de duración.

O Taller de creación, que comezou o pasado 5 xullo, remata esta mañá. As clases celebráronse todos os xoves de 10:30 a 13:00 horas e foron impartidas por un monitor especializado en artes plásticas. No obradoiro participaron nenos de entre 3 e 12 anos de idade que realizaron diversas manualidades (decoración de caixas de madeira, mosaicos con papel de seda, esculturas de terracota, etc.) co fin de estimular a súa creatividade. Tamén gozaron de sesións de contacontos e de xogos en grupo.

O Taller de actividades lúdicas, que empezou o 6 de xullo, finaliza este venres, 24 de agosto. Este obradoiro combina o entretenemento dos xogos tradicionais coa elaboración artesá de taboleiros para xadrez e damas e de figuras en terracota. As clases foron impartidas por un monitor os venres de 10:30 a 13:00 horas.

Este venres tamén rematan as Colonias de Verán Multideporte para rapaces de 7 a 15 anos que están organizadas polo Concello en colaboración co Azkar Prone Lugo. Estas colonias, que comezaron o pasado 2 de xullo, celebráronse nas instalacións do centro deportivo Terra. Os rapaces gozaron de actividades de lecer como excursións, acampadas, xincanas, xogos deportivos, entre outras. Un total de cincuenta mozos participaron nestas actividades programadas de luns a venres entre as 10:00 e as 20:00 horas.

Noticias relacionadas