Remata o ciclo de concertos “O que queda de verán na Capela” co grupo Raiceira

Este ciclo organizado conxuntamente polas Áreas de Cultura da Deputación e do Concello abriu durante o mes de setembro a Capela de Sta. María á cultura

Raiceira, proxecto de folk galego formado por dúas mulleres, destacou pola súa orixinalidade e personalidade

Venres, 20 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

“O que Queda de Verán na Capela”, ciclo de concertos organizados na capela de Santa María polas áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo, rematou no día de hoxe cun concerto de Raiceira. A Concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou “a boa acollida que tivo este programa, con tres concertos de diferentes estilos, dirixindo así a oferta cultural a todos os públicos”.
 
O que queda de verán na capela consistiu en tres concertos celebrados no serán dos venres na capela de Santa María. O ciclo de concertos comezou o 6 de setembro, co Dúo Fracanapa & As Sonoridades do Tango, integrado por Sussanne Hofmann e Matías González, que interpretaron un repertorio centrado nos grandes compositores da música rioplatense, desde Carlos Gardel ata a obra vangardista de Astor Piazolla.  
 
O 13 de setembro, Ensemble Hottetrre, deu a coñecer as innovacións que realizou Jacques-M. Hottererre, músico da corte de Luís XIV e Luís XV de Francia, no mundo da música de cámara. Este músico foi un dos máximos representantes do uso da gaita de fol na chamada “música erudita”.
 
O que queda de verán na capela rematou, no día de hoxe, co concerto de Raiceira, proxecto de folk galego que destaca pola súa orixinalidade e personalidade. Estas dúas lucenses parten de melodías da nosa tradición popular e reinterprétanas mesturando as influencias doutros estilos, instrumentacións e aprendizaxes. Deste xeito, un instrumento como o violonchelo, asociado normalmente á música clásica, mestúrase coa voz, percusión de man e gaita, nun repertorio que respecta as características propias da orixe xeográfica e o carácter feminino das melodías, transmitidas por mulleres de xeración en xeración.

Noticias relacionadas