Remata o ciclo de concertos didácticos da Banda Municipal de Música nos colexios da cidade

Xoves, 19 de xuño de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promocion da Lingua, Carmen Basadre, asistiu esta mañá á última actuación do programa de concertos didácticos que ofreceu a Banda Municipal de Música nos distintos colexios da cidade.

A actuación coa que rematou a segunda edición do ciclo de concertos didácticos tivo lugar esta mañá no CEIP As Mercedes, no barrio de Montirón.

Esta actividade, que naceu o ano pasado, ten por obxecto ensinar aos nenos e nenas de 3 a 12 anos os diferentes tipos de instrumentos musicais e facilitarlles un achegamento á música clásica de maneira didáctica e divertida. Durante a actividade, que ten unha duración aproximada de hora e media, os nenos participan na recreación dunha historia a través da música e con diferentes sonidos. Para elo, traballouse con pezas musicais especialmente atractivas para os cativos como poden ser As Catro Estacións, Nun Mercado Persa, Sinfonía dos Xoguetes e o Carnaval dos Animais.

Os concertos didácticos tiveron lugar, dende o mes abril, nos colexios do Sagrado Corazón, Paradai, Milagrosa, San José, A Ponte, Illa Verde, Virxe da Soidade, Maristas, Rosalia de Castro, Divina Pastora, Luis Pimentel, Casas, Anexa, Fingoi nº2, Quiroga Ballesteros, Manuel Mallo, As Mercedes e no IES Muralla de Lugo.

Este ano ademais reserváronse dúas datas para ofrecer concertos no Auditorio Municipal Gustavo Freire a colexios provincia de Lugo coa idea de que outros nenos e nenas que non dispoñen de Escola Municipal de Música poidan coñecer os instrumentos e melodías clásicas dirixidas a súa idade.

Como colofón ó curso escolar, a Escola Municipal de Música ten programado, para o día 26 de xuño, un concerto de fin de curso que se celebrará no Auditorio Gustavo Freire.

Multimedia

Noticias relacionadas