Récord de turistas en Lugo na fin de semana do 15 de agosto, a máis festiva do ano

Preto de 1.200 persoas pasaron pola Oficina Municipal de Turismo, un 48% máis que na ultima fin de semana con festivo, a do 25 de xullo 

Martes, 18 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Preto de 1.200 persoas pasaron durante a fin de semana do 15 de agosto, a máis festiva do ano, pola Oficina Municipal de Turismo, unha cifra récord nestas datas. Así o anunciou este martes a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen subliñou que o centro de atención aos turistas da Praza do Campo “atendeu nesta fin de semana festiva a un 48% máis de turistas con respecto á ultima fin de semana con festivo deste ano, a do 25 de xullo”.
A edil destacou que “estes datos súmanse ás boas cifras do pasado mes de xullo, durante o que a oficina de turismo municipal recibiu a visita de máis de 5.300 persoas, un 20% máis con respecto a xullo do 2014. Isto confirma a consolidación da cidade de Lugo como destino turístico”. O venres 14 foi o día que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, un total de 426.
Durante o 14, 15 e 16 de agosto, pasaron pola oficina de turismo municipal 872 viaxeiros nacionais, o que supón un 74% do total, e superan con creces ao número de turistas galegos. Dentro da comunidade galega, os visitantes pontevedreses continúan estando á cabeza.
Polo que respecta a turistas foráneos, á Praza do Campo achegáronse un total de 203 persoas, das cales o 78% procede de Europa. Estes días tamén visitaron a cidade 19 americanos.
A maior actividade rexistrada nestes días foi ao mediodía, entres as 12:00 e 14:00 horas, aproximadamente. Nesta franxa foron o 52% dos visitantes os que acudiron á Praza do Campo. Outro dos datos máis relevantes que acreditan que a cidade de Lugo bateu un novo récord de turistas durante a pasada fin de semana foron as cifras de ocupación hoteleira, que rondou o 100%.

Noticias relacionadas