Recoñecemento e reivindicación son as principais demandas no Día Internacional do Pobo Xitano

Este ano a Asociación Gitanas Feministas por la Diversidad celebrou o primeiro acto solicitando o papel correspondente á muller xitana

Mércores, 08 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Día Internacional do Pobo Xitano

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, asistiron durante o día de hoxe aos diferentes actos organizados pola Fundación Secretariado Xitano de Lugo e a Asociación Gitanas Feministas por la Diversidad para conmemorar o Día Internacional do Pobo Xitano.

Así, no salón de Plenos do Concello, membros da Fundación Secretariado Xitano de Lugo e a Asociación Promoción e Integración Gitana de Lugo leron o manifesto co que queren facer visible a causa xitana pero tamén para o recoñecemento das persecucións e peregrinacións ao longo da historia. “Pero tamén é unha data de reivindicación porque queda moito por facer xa que aínda arrastran o estigma de ser a maioría máis rexeitada e peor valorada de Europa”.

No manifesto tamén denuncian a posición da Real Academia Española da Lingua que mantén na súa última edición do dicionario a acepción pexorativa e vinculada á estafa e o engano do termo “xitano. Unha acepción que entenden como discriminación cara a comunidade xitana xa que “unha definición discriminatoria xera discriminación”.

Tamén lembraron os efectos da crise nas persoas máis vulnerables entre elas moitas familias xitanas e estase a ver como a crise, os recortes, e a falta de investimentos están a afectar á comunidade xitana, especialmente a desigualdade educativa.

López Orozco agradeceu o traballo que realizan dende as diferentes asociacións que loitan polos seus dereitos sen renunciar e perder a súa identidade.

Asociación Gitanas Feministas por la Diversidad

A Asociación Gitanas Feministas por la Diversidad tamén celebrou un acto pola mañá na que se repartiron claveles e se reivindicou o importante papel da muller xitana ao longo da súa historia e no que participaron diferentes representantes dos grupos políticos.

Así, Rut León, explicou que queren “modificar e desmantelar a imaxe negativa do papel da muller xitana que leva 600 anos machacándonos. Non queremos seguir sendo a imaxe de xitanas que a sociedade di que somos, xa que nos corresponde a nós visibilizala e crear a mensaxe académica e cultural do seu significado”.

Neste sentido, tamén explicou que “temos a forza suficiente para ser as artífices do noso propio cambio, tecendo redes que nos permitan defender os nosos íntimos e lexítimos intereses”. Rut León indicou que para crear ese movemento social feminista necesistan e solicitan o apoio das grandes mulleres feministas que teñen experiencia e ser incluídas dentro do seu movemento para poder chegar a ser mulleres xitanas sen medo á liberdade.

Multimedia

Noticias relacionadas