Quedan prazas libres para a experiencia fotográfica senso-vivencial que organiza o Concello no MIHL de xoves a domingo

As persoas interesadas aínda poden anotarse a través do 010 ou do teléfono 982-29-73-50, para xente de fóra de Lugo

Tratáse dun obradoiro, baixo o nome de Cores Marcianas, de creación visual participativo e integrador, deseñado para as necesidades das persoas con discapacidade visual, co que colabora a Asociación Tiresias Galicia

O horario é de 17:00 a 19:30 horas o xoves 17, de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas o venres e sábado, 18 e 19 de xaneiro. O domingo 20 haberá unha actividade fotográfica pola cidade, pechando o taller, de 17:00 a 19:30 horas

Luns, 14 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Quedan prazas libres para a experiencia fotográfica senso-vivencial que organiza o Concello no MIHL de xoves a domingo

Quedan prazas libres para a experiencia fotográfica senso-vivencial que o Concello organiza no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) de xoves, 17 de xaneiro a domingo, 20 de xaneiro. Tratáse dun obradoiro, baixo o nome de Cores Marcianas, de creación visual participativo e integrador, deseñado para as necesidades das persoas con discapacidade visual, co que colabora a Asociación Tiresias Galicia. Esta iniciativa serve ademais de apoio a todas as persoas con baixa visión.

Cores Marcianas está dirixido a 20 persoas interesadas na creación fotográfica, maiores de 18 anos. O horario é de 17:00 a 19:30 horas o xoves 17, de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas o venres e sábado, 18 e 19 de xaneiro. O domingo 20 haberá unha actividade fotográfica pola cidade, pechando o taller, de 17:00 a 19:30 horas. As persoas interesadas aínda poden anotarse a través do 010 ou do teléfono 982-29-73-50, para xente de fóra de Lugo.

No taller, os grupos de creadores son mixtos e fórmanse equipos de artistas con e sen discapacidade visual, o que repercute nunha maior creatividade, riqueza e cohesión grupal. As persoas participantes investigarán sobre a percepción sensorial aplicada á creación fotográfica. Nun ambiente de experimentación lúdica e vivencial tomarán conciencia do corpo como motor de creación. Desde a estimulación sensorial e o desenvolvemento de actividades que fomentan a creatividade, visitarán o mundo fotográfico desde todos os sentidos, e aprenderán que a fotografía é un medio de comunicación emocional e artística ao alcance de todas e de todos.

Os talleres constan das seguintes fases: presentación e cohesión grupal, alfabetización visual, creación e estimulación sensorial, proceso creativo, realización de proxectos creativos, creación grupal, evento final e avaliación conxunta vivencial.

Estes obradoiros, que xa se desenvolveron en Zaragoza, Santiago de Compostela e Madrid, complementan a exposición Retratos sobre fondo negro, que acolleu o Vello Cárcere, composta de 41 imaxes da artista Pilo Gallizo.

Audio

Noticias relacionadas