Publicados no BOP os Orzamentos que sacou adiante o Goberno para “seguir investindo na cidade”

Entrarán en vigor mañá e, segundo avanzou a Alcaldesa, unha das primeiras actuacións en arrancar será o proceso de licitación das obras para instalar o ascensor de Fontiñas

Xoves, 19 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou de que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este xoves os Orzamentos do Concello para este 2018, o último trámite necesario para a entrada en vigor das contas, que o Goberno local sacou adiante para “seguir xestionando e investindo na nosa cidade, que é para o que estamos realmente os cargos públicos”. “Independentemente do que intentou e do que quixo a oposición”, asegurou Méndez, “vamos poder investir 95,3M€ en Lugo, que son moi necesarios para dinamizar a economía e a sociedade”, con actuacións como por exemplo o Plan de Barrios, dotado con 2,5M€.

Un dos primeiros procesos en arrancar unha vez que entren en vigor as contas, algo que terá lugar mañá venres, será a licitación do ascensor de Fontiñas, segundo avanzou a rexedora, pois “xa temos o proxecto e agora tamén temos orzamentos”. 

Lugo conta neste 2018 cun presuposto de 95,3M€, un 5% máis que o último aprobado –o de 2016-, e o máis inversor da última década, pois os capítulos de investimentos soben un 40%. Ao mesmo tempo, o Goberno mantén o esforzo económico coas políticas sociais, que suman 23M€, o que supón o 24% do total do Orzamento.

Noticias relacionadas