Publicadas no BOP as bases para a contratación de persoal do PILES 2009

Mércores, 18 de febreiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publica hoxe, mércores 18 de febreiro, as bases e o proceso selectivo para a contratación de persoal no marco do Plan de Inserción Laboral e Emprego Social (PILES 2009) aprobada na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo do 4 de febreiro.

Trátase dun Plan que reflicte a  política activa de emprego que desenvolve a área de Emprego do Concello e que ten como obxectivo favorecer o acceso ao emprego de colectivos cunha maior dificultade no acceso ao mercado laboral.  Este plan de inserción ten un obxectivo engadido: a realización de obras de interese e mantemento en espazos públicos de todo o Concello de Lugo que estarán supervisadas e dirixidas polo persoal de Vías e Obras e polo persoal de Medio Ambiente do Concello.

A duración deste contrato, para o que o Concello destinará 466.322 euros, está prevista entre febreiro 2009 e decembro 2009.

Para a execución deste novo PILES ofértanse un total de 20 postos de traballo:

- un director en calidade de xefe de obra
- un encargado de paisaxismo
- un xefe de brigada de albanelería e cantería
- un auxiliar administrativo
- dezaseis peóns

Poderán participar as persoas desempregadas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego
b) Que estén empadroadas no Concello de Lugo.

Terán prioridade:

- Persoas con algunha discapacidade que lles permita desenvolver as tarefas propias de mantemento de espazos públicos.
- Homes e mulleres maiores de 35
- Inmigrantes con permiso de traballo e residencia
O prazo de presentación das instancias no Rexistro do Concello será de dez días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. Se o último día coincidise en sábado ou festivo o prazo quedará prorrogado ata o seguinte día hábil inclusive.

Noticias relacionadas