Publicadas as bases para a selección dos 31 desempregados que participarán nos obradoiros que conseguiu o Concello

A Concelleira de Economía informou de que os directores do TIC Arqueolóxico e o Lugo Cóidate seleccionaranse o 31 de agosto e os monitores e os alumnos- traballadores, os días 7 e 8 de setembro

As persoas interesadas deben dirixirse ao Servizo Público de Emprego de Galicia

As accións formativas, cun orzamento conxunto de 360.000€, arrancarán a finais de setembro

O TIC Arqueolóxico está encamiñado a impulsar o Vello Cárcere e o Lugo Cóidate, á formación no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos

Luns, 07 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo publicou na súa web, www.lugo.gal, as bases que rexerán a selección dos 31 lucenses no paro que se formarán e traballarán nos dous novos obradoiros de emprego que conseguiu a entidade local, así como as correspondentes aos directores e os monitores de ambos talleres: TIC Arqueolóxico, encamiñado á dinamización do Vello Cárcere a través das novas tecnoloxías,  e Lugo Cóidate, centrado nos servizos de atención sociosanitaria.

Segundo informou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a selección terá lugar entre finais deste mes de agosto e principios de setembro. En concreto, a correspondente aos directores será o 31 de agosto e a dos monitores e os alumnos-traballadores, os días 7 e 8 de setembro.

As persoas que queiran optar a algunha das prazas deben dirixirse ao Servizo Público de Emprego de Galicia, pois é dende esta entidade dende onde enviarán ao Concello unha lista de aspirantes, que despois serán seleccionados en base as devanditas bases xa publicadas na web municipal, que poden ser consultadas polos interesados.

Da selección encargarase un grupo de traballo mixto, formado por dous representantes da Administración autonómica e outros dous da municipal.

O Concello de Lugo conseguiu os dous obradoiros de emprego que solicitou á Xunta. A Concelleira de Economía subliñou que “isto é froito dunha planificación e traballo exhaustivo do Goberno local, que, aínda non tendo competencias en materia de emprego dado que son das administracións autonómica e central, trata de atraer e captar a maior cantidade de investimentos para dinamizar o mercado laboral e crear emprego”. Con preto de 360.000 euros de orzamento, ambas accións formativas arrancarán a finais de setembro.

TIC Arqueolóxico

O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo, facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos, encamiñada a acadar coñecementos para a súa posterior inserción laboral e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.

Segundo a proposta municipal, aprobada integramente pola Xunta, este obradoiro terá unha duración de 9 meses e desenvolverase no Vello Cárcere. Entre as actuacións principais que se contemplan nas diferentes especialidades formativas a impartir atópase a dixitalización en 3D de bens mobles e inmobles do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dun canal cultural.

Lugo Cóidate

En canto ao outro obradoiro que poñerá en marcha o Concello, trátase do Lugo Cóidate, cun importe de 135.000€, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrecerase formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas.

O TIC-Arqueolóxico e o Lugo Cóidate súmanse aos programas de emprego que ten en marcha o Concello: Inicia Coworking, Mellora Lugo e (Con) trato feito!, e ao Empregalia, que vén de acadar.

Audio

  • A edil Ana Prieto, sobre a selección de obradoiros de emprego | Descargar mp3

Noticias relacionadas