Publicadas as bases de matrícula para a Escola Municipal de Música, que ofrece máis de 770 prazas en 22 instrumentos e disciplinas

O prazo para matricularse no vindeiro curso está aberto dende o 22 de abril ao 22 de maio para alumnado da Escola matriculado este ano e para as e os estudantes de novo ingreso, o prazo de inscrición será do 22 de maio ata o 21 de xuño

Mércores, 17 de abril de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar as bases para o procedemento de matrícula na Escola Municipal de Música de Lugo para o vindeiro curso 2019-2020. Para o próximo ano académico, o Concello ofrece máis de 770 prazas en 22 instrumentos e disciplinas diferentes. Ademais existen outras 9 especialidades sen límite de matriculados como é o caso do grupo de clarinetes ou de saxofóns ou o coro moderno, entre outros.

O prazo para matricularse no vindeiro curso está aberto dende o 22 de abril ao 22 de maio para aqueles alumnas e alumnos da Escola matriculados este ano e para os estudantes de novo ingreso o prazo de inscrición será do 22 de maio ata o 21 de xuño.

As materias que se impartirán divídense en catro bloques que conteñen as seguintes prazas: 23 de frauta traveseira; 58 de clarinete; 40 de saxofón; 8 de fagot; 8 de trompa; 18 de trompeta; 18 de trombón; 30 de tuba-bombardino; 16 de percusión; 20 de gaita; 11 de pito pastoril galego; 22 de piano; 96 de música e movemento; 180 de formación básica; 210 de linguaxe musical; 90 de formación para adultos (a partir de 16 anos); 20 de improvisación; 6 de informática musical; 15 de big band; 15 de círculo de tambores; 7 de grupo percusión tradicional e 15 de combo de metais.

As especialidades para as que non hai límite de prazas son: grupo de clarinetes; grupo de saxofóns; banda; banda infantil; coro moderno; grupo tradicional; grupo de pandeiretas; grupo de metais graves e aula de técnica base metal grave.

Forma e prazo de presentación das solicitudes

As persoas interesadas deberán presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Lugo presentando:

  • Solicitude en modelo específico debidamente cumprimentado. No caso de alumnos/as menores de idade a solicitude deberá ir asignada pola nai, pai ou persoas que o representen.
  • Fotocopia do DNI da persoa interesada maior de idade, ou da nai ou pai, ou representante legal do menor.
  • Certificación bancaria da conta onde se desexe domiciliar o pagamento dos recibos pola utilización do servizo municipal da escola de música onde apareza titular e número de conta.
  • 2 fotografías tamaño carné do alumno ou alumna.

Noticias relacionadas