Publicada no BOP a contratación da edición e distribución do programa do San Froilán 2017 e a explotación da publicidade comercial

A edición terá que estar impresa para o 14 de setembro, incluídas as correccións, e a repartición dos programas deberá realizarse entre o 18 e 22 de setembro. As empresas interesadas teñen 15 días para presentar ofertas

Quen resulte contratista deberá aboar ao Concello, en compensación pola utilización do programa de festas para explotación directa da publicidade comercial, un importe mínimo de 2.000 euros, que poderá ser mellorado á alza

Luns, 07 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de sacar a contratación a edición e distribución do programa oficial e carteis das festas do San Froilán 2017 e a utilización do programa municipal oficial destes festexos, declarados de interese turístico galego e nacional, para a inserción e explotación de publicidade comercial. Tal e como explicou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua,  Carmen Basadre, a edición terá que estar impresa para o 14 de setembro ou, de ser o caso, quince días despois da entrega do material. Neste prazo inclúense tamén as correccións. A repartición dos programas deberá realizarse entre o 18 e 22 de setembro, ou nos cinco días seguintes á súa impresión definitiva.

Tal e como se publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia, e tamén no Perfil do Contratante da web municipal www.lugo.gal, este contrato non supón custo económico para o Concello de Lugo, xa que este non aboará prezo algún á empresa adxudicataria deste contrato sendo retribuída esta polas persoas físicas e xurídicas que insiran publicidade comercial no programa oficial das festas do San Froilán 2017. Ademais, quen resulte contratista deberá aboar ao Concello, en compensación pola utilización do programa de festas para explotación directa da publicidade comercial, un importe mínimo de 2.000 euros, que poderá ser mellorado á alza polas persoas licitadoras nas súas ofertas, quedando rexeitadas automaticamente as ofertas económicas que minoren ese prezo.

O prazo de presentación de proposicións, que debe facerse no Rexistro Xeral do Concello, é de quince días naturais contados dende mañá martes, 8 de agosto.

Outro anuncio no BOP

O BOP tamén publica hoxe a licitación para a contratación do servizo de transcrición de actas do Pleno e das comisións de Pleno. A duración do contrato é dun ano prorrogable por outro e o orzamento ascende a 13.500 euros. O prazo de presentación de proprosicións será de 15 días dende a publicación de dito anuncio este luns no boletín.

Noticias relacionadas