As propostas de deseño para a humanización de Quiroga Ballesteros poderán presentarse ata o día 30

Publicadas no Perfil do Contratante as bases do concurso de ideas, que, dotado con 21.300€, estará resolto a principios de decembro

A proposta dos colexios profesionais de arquitectos e enxeñeiros cos que se reuniu o venres a Alcaldesa, ampliouse o prazo de presentación dos traballos e ao xurado incorpórase un arquitecto técnico

O concurso de ideas inclúe o deseño tanto da peonalización, como da cuberta da rúa para que ambas actuacións vaian acordes e sexan compatibles

A humanización de Quiroga Ballesteros é peza central no modelo de cidade do Goberno, centrado na “recuperación de espazos públicos para uso público, para gozar máis da rúa a través de actividades de lecer e comerciais”

Luns, 13 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As propostas de deseño para a humanización de Quiroga Ballesteros poderán presentarse ata o día 30

O Concello de Lugo publicou este luns no Perfil do Contratante –en www.lugo.gal- as bases do concurso de ideas para o deseño da humanización da rúa Quiroga Ballesteros e que, a proposta dos colexios profesionais de arquitectos, arquitectos técnicos e enxeñeiros cos que se reuniu a Alcaldesa, Lara Ménez, o pasado venres, recollen a ampliación do prazo de presentación das propostas. Deste xeito, poderán rexistrarse durante 17 días naturais, entre mañá martes e o 30 de novembro, no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Tamén a proposta dos colexios, simplificouse a documentación técnica a presentar e incorpórase un arquitecto técnico ao xurado que valorará as propostas, do que formarán parte a Alcaldesa; o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas; un arquitecto de Patrimonio da Xunta e un proposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; un enxeñeiro de camiños, canais e portos proposto polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia; un representante dos comerciantes da rúa Quiroga Ballesteros; un representante das asociacións de Lugo que traballan pola accesibilidade; e un enxeñeiro técnico agrícola, un arquitecto e un enxeñeiro do Concello.

O xurado abrirá a  documentación para a valoración das propostas o primeiro día hábil contado a partir do remate do prazo de presentación dos traballos, é dicir, o día 1 de decembro. O equipo que resulte gañador do concurso de ideas será proposto como adxudicatario do contrato de redacción dos proxectos de peonalización de Quiroga Ballesteros, para o cal terá un prazo de 20 días naturais, e de instalación da cuberta, cuxo prazo será de tres meses. O equipo redactor deberá ser multidisciplinar, pois do mesmo deberán formar parte necesariamente un enxeñeiro de camiños, un arquitecto, un enxeñeiro técnico agrícola  e un aparellador.

Modelo de cidade

A humanización de Quiroga Ballesteros é peza central no modelo de cidade do Goberno, “unha cidade máis humana, accesible, cómoda, sostible, con máis espazos públicos para uso público, para gozar máis da rúa a través de actividades comerciais e de lecer”, segundo subliñou a Alcaldesa.

O concurso de ideas, dotado con 21.300 euros, inclúe o deseño e elaboración tanto da proxecto de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, como da cuberta, para que ambas actuacións vaian acordes e sexan compatibles, pois nunha primeira fase acometeranse as obras de peonalización, cun orzamento de 1,1M€, e nunha segunda, as da instalación da cuberta, que como máximo terán un custe de 400.000€.

O ámbito de actuación abrangue a rúa Quiroga Ballesteros, dende Bolaño Rivadeneira ata a Praza de Santo Domingo, e o fronte do edificio da praza de abastos, incluído o calexón do Mercado Municipal Quiroga Ballesteros.

En canto á parte da peonalización, no concurso de ideas pídese a previsión de arborado, zonas verdes, mobiliario urbano e espazos para que se poidan autorizar terrazas aos establecementos de hostalería, así como a reserva de a lo menos un itinerario peonil accesible, e a entrada e saída de peóns de portais e locais comerciais.

Á hora de licitar e executar a peonalización incluiranse, en función do recollido no concurso de ideas, os elementos da cuberta que deban quedar soterrados co fin de non ter que demoler pavimentos cando se leve a cabo a estrutura, pois esta non deberá ter ningún elemento de suxección nas fachadas dos edificios. A cuberta protexerá tanto da choiva coma do sol, e permitirá o paso da luz natural.

O proxecto levará consigo tamén a renovación das redes de abastecemento e saneamento, e o soterramento da instalación de alumeado público e de todo o cableado por fachada de todas as compañías subministradoras. Esta parte foi redactada xa polo servizo municipal de Enxeñería, e será incorporada á proposta de humanización gañadora mediante a redacción do correspondente proxecto refundido.

Audio

  • Lara Ménez, sobre a humanización de Quiroga Ballesteros | Descargar mp3

Noticias relacionadas