A primeira conferencia dos Martes Nutritivos ofrecerá consellos para unha alimentación sana e equilibrada durante a xestación e lactación

Será esta tarde, a partir das 19:30 horas, no Salón de Actos do Vello Cárcere. A entrada para esta charla, que impartirá o dietista Nicolás Piedrafita, é totalmente gratuíta

Martes, 31 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Concello e Cidadanía, que dirixe Rosana Rielo, ten programada para esta tarde, a partir das 19:30 horas, a primeira sesión de conferencias dos Martes Nutritivos, que se  celebrará todos os martes ata o 28 de novembro, no Salón de Actos do Vello Cárcere, co obxectivo de dar a coñecer á poboación hábitos saudables destinados a mellorar a calidade de vida das persoas asistentes.

Rielo convidou á cidadanía a participar de maneira activa nestas charlas, ao tempo que lembrou que o Concello leva a cabo ao longo do ano distintas iniciativas no ámbito do benestar das persoas.

O dietista e nutricionista Nicolás Piedrafita Páez será o encargado de abrir este programa, abordando as bondades da boa alimentación durante a xestión e lactación, así como outras recomendacións relacionados co proceso de compra, ingredientes ou produtos adecuados nesta etapa, entre outros.

Tras esta charla dedicada á alimentación na xestación e lactación, os Martes Nutritivos terán a súa continuación o 7 de novembro, abordando a nutrición infantil, para dar paso, o día 14, á alimentación adaptada ao traballo no século XXI. As dúas últimas xornadas estarán dedicadas á nutrición en maiores, o día 21, e á nutrición no deporte e na actividade física, o día 28.

Todas as persoas interesadas en tomar parte nestas actividades, na que tamén colabora a Asociación de Dietistas-Nutricionistas Universitarios de Galicia (ADINU) e a Universidade de Santiago de Compostela, soamente teñen que achegarse ao Salón de Actos do Vello Cárcere, xa que son de caracter aberto e con entrada totalmente gratuíta.

Audio

Noticias relacionadas