Preto de cinco mil deportistas beneficiaranse das subvencións para talentos deportivos da Concellería de Deportes

Luns, 13 de agosto de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, informou que unha vez rematado o prazo, un total de 49 deportistas individuais e 69 clubs deportivos presentaron a solicitude para a liña de subvencións para deportistas lucenses con talento deportivo e que está dotada con 157.000 euros.

Así, unha vez finalizado o prazo de solicitudes correspondente ao ano 2012, recibíronse un total de 22 solicitudes femininas e 27 solicitudes masculinas para a categoría individual que está dotada cunha cantidade de 25.000 euros e que se reparten en función do baremo establecido nas bases.

No apartado de subvencións a clubs recibíronse un total de 69 solicitudes e que integran un total de 4.900 deportistas e para os que existe unha dotación presupostaria de 132.000 euros.

Ao marxe destas axudas, Díaz Grandío, manifestou que a Concellería de Deporte subvenciona con 220.000 euros anuais, as máis de 100 actividades deportivas que se levan a cabo na cidade ao longo do ano e na que a organización recae nos diferentes clubs e federacións locais. Esta inversión fai posible que máis de 20.000 deportistas visiten a cidade aportando beneficios a diversos sectores económicos de Lugo.

Noticias relacionadas