Preto de 60 asesorías lucenses participaron na videoconferencia organizada polo Concello para informar sobre o Plan Reanima

O encontro informativo, que tivo lugar este xoves, pon de manifesto a boa acollida da medida que puxo en marcha o Goberno de Lara Méndez, dotada de 5 millóns de euros, para paliar os efectos do COVID-19 na economía lucense

Técnicos municipais explicaron as bases do programa e resolveron dúbidas en canto á solicitude e tramitación das axudas, que se dividen en dúas liñas: impulso económico e protección do emprego, e medidas de conciliación familiar

Así mesmo, elaborouse un documento de preguntas e respostas frecuentes que se pode consultar na páxina web do Concello (www.concellodelugo.gal), no apartado correspondente ao Plan Reanima, xunto coas bases e anexos desta programación

Venres, 17 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preto de 60 asesorías lucenses participaron na videoconferencia organizada polo Concello para informar sobre o Plan Reanima

Un total de 59 asesorías lucenses e 77 profesionais do sector participaron este xoves na videoconferencia organizada polo Concello para informar sobre as axudas do Plan Reanima. Unha participación que pon de manifesto o interese xerado entre a sociedade lucense e a boa acollida desta programación, que puxo en marcha o Goberno de Lara Méndez, para inxectar 5 millóns de euros a autónomos, microempresas, pemes e familias, co fin de paliar os efectos do COVID-19 na economía lucense, aportándolles liquidez para que poidan facer fronte aos gastos e intentar protexer os postos de traballo.

Durante a reunión telemática, técnicos municipais explicaron polo miúdo as bases do plan e resolveron diferentes dúbidas en canto á solicitude e tramitación das axudas, que se poderán pedir ata o vindeiro 13 de maio, divididas en dúas liñas non excluíntes entre si:

  • 1) Medidas de axuda ao impulso económico e de protección do emprego, ás que se destinan 4 millóns de euros.
  • 2) Medidas de axuda á conciliación da vida familiar e laboral por situacións derivadas do COVID-19, ás que se destina 1 millón de euros.

Deste xeito, durante máis de dúas horas que durou o encontro informativo, os técnicos do Concello deron resposta a numerosas preguntas, elaborando un documento coas máis frecuentes, que se pode consultar na páxina web do Concello (www.concellodelugo.gal), no apartado correspondente ao Plan Reanima, xunto coas bases e anexos desta programación. No listado de FAQs atópanse, entre outras, as seguintes:

P.- Un matrimonio no que ambos teñen un ERTE, a solicitude da subvención da liña 2 pódena solicitar os dous membros da unidade familiar?

R.- Si, se se cumpren os demais requisitos esixidos para a liña 2: estar empadroados en Lugo, traballadores por conta allea e con alta na S.S. a data 1 de marzo de 2020 e ter ao seu cargo fillos menores de 12 anos afectados polo peche dos centros educativos.

P.- O local onde se realiza a actividade empresarial atópase en Lugo pero a empresaria non está empadroada en Lugo. Podería solicitar a subvención?

R.- A base 5 para a liña de subvención 1, establece como obrigatorio que, o domicilio fiscal ou no seu caso, o local de desenvolvemento da actividade atópense no termo municipal de Lugo. Por tanto podería solicitar a subvención se concorren os outros requisitos esixidos nas bases reguladoras para esa liña de axudas.

P.- Na mesma solicitude, pódese solicitar a liña 1 e a liña 2 ou teñen que ser solicitudes diferentes?

R.- Deben solicitarse mediante o anexo normalizado posto a disposición, no mesmo inclúese na folla 1, as casas correspondentes a ambas as liñas, para efectuar dese modo simultaneamente as dúas axudas, se houber dereito á percepción de ambas. Se se solicita primeiro unha liña e, a continuación, outra pasados uns días por exemplo, teríase en conta como data de rexistro de entrada a presentación da última, data que sería única para as dúas axudas, e tería por tanto a correspondente incidencia na orde de prelación dentro do réxime de concorrencia competitiva establecido para as presentes axudas.

P.- É posible realizar a solicitude das axudas de forma presencial a través de Rexistro Público?

R.- No Rexistro municipal do Concello de Lugo non se poden recoller ditas solicitudes, xa que o procedemento aprobado, específico para o PLAN REANIMA LUGO, indica claramente o sistema de presentación:

4. Prazo e forma de presentación de solicitudes

2.- As solicitudes, que deberán dirixirse ao  Servizo de Desenvolvemento Local Sostible, presentaranse por vía telemática a través da Sede electrónica do Concello de Lugo accesible a través da ligazón  https://www.lugo.gal, utilizando o formulario xenérico de solicitude dispoñible na sede, ou polo Sistema de intercambio rexistral dispoñible a través da ligazón  https://rec.redsara.es/registro/, indicando no campo “Solicita” o texto “Axudas Covid-19. Servizo de Desenvolvemento local”, e achegando o modelo normalizado sinalado no parágrafo anterior. A este respecto debe considerarse que o art. 14.3 da Lei 39/2015 establece que a administración pode determinar regulamentariamente que o medio de relación coa cidadanía, en determinados procedementos, sexa o electrónico.

Noticias relacionadas